Ribadumia moderniza o seu mercado municipal para convertelo nun espazo máis sostible, accesible e atractivo

O Salnés
07 de novembro 2025
Actualizado: 08 de novembro

Este proxecto ten un investimento total de 160.000 euros, repartidos entre 2025 e 2026. Permitirá modernizar as instalacións, mellorar a eficiencia enerxética e garantir unha accesibilidade plena

Obras no Mercado municipal de Ribadumia Concello de Ribadumia

O Concello de Ribadumia está a dar un importante paso na posta en valor do seu mercado municipal, co inicio das obras de remodelación integral deste espazo.

A actuación permitirá modernizar as instalacións, mellorar a eficiencia enerxética e garantir unha accesibilidade plena para todos os usuarios.

Este proxecto ten un investimento total de 160.000 euros, repartidos entre 2025 e 2026, dos cales o 80 % está financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, mentres que o 20 % restante é asumido con fondos municipais.

As obras supoñen unha renovación completa da infraestrutura, comezando pola substitución da cuberta, que pasará a ser unha estrutura de aceiro con illamento térmico.

Este cambio mellorará o comportamento enerxético do edificio e reducirá o consumo de calefacción e refrixeración.

Tamén se actuará na fachada traseira, onde se instalará un sistema de illamento térmico exterior (SATE) que, ademais de aumentar o confort interior, mellorará a imaxe exterior do mercado, facéndoo máis atractivo e moderno.

O proxecto inclúe a reforma integral da instalación eléctrica, coa substitución das antigas luminarias por pantallas LED de baixo consumo.

A maiores, garantirase a accesibilidade total, mediante ramplas e aseos adaptados, para que todas as persoas poidan acceder e gozar do mercado sen barreiras.

Outro dos puntos fortes da intervención é a renovación da rede de fontanería, que abastecerá aos catro postos actuais, e a mellora dos pavimentos interiores, onde se aplicará resina epoxi, un material máis hixiénico e fácil de manter.

Tamén se colocará un novo falso teito rexistrable e se renovará a pintura dos paramentos con produtos aptos para o uso alimentario, completando así unha posta a punto integral do espazo.