Robótica ao servizo dos nenos ingresados no Hospital Provincial

Pontevedra
15 de maio 2025
Actualizado: 8:28

Estas actividades interactivas realízanse ao amparo do convenio de colaboración asinado entre o Sergas e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia

Obradoiro infantil de robótica no Hospital Provincial de Pontevedra Área Sanitaria Pontevedra-O Salnés

Un grupo de nenos ingresados no servizo de Pediatría do Hospital Provincial de Pontevedra viviron este mércores unha xornada especial.

Eles foron os protagonistas dun obradoiro de robótica, preparado para alegrar e humanizar na medida do posible a estadía dos pequenos no hospital.

Trátase da primeira actividade dun ciclo interactivo e práctico que se realiza na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ao amparo do convenio de colaboración asinado entre o Sergas e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.

Foi impartido por voluntarias de NTT Data e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, en colaboración cos profesionais do servizo de Pediatría e do equipo directivo da área sanitaria.

Durante o obradoiro os nenos puideron transformar froitas en instrumentos musicais cun xogo de computador, ou interactuar con robots con forma de mascota ou de coche que adaptan os seus movementos e comportamento en función dos sons ambientais, da luz ou da distancia a outros obxectos grazas a sensores integrados.

"Esta iniciativa xorde coa vontade de que estas actividades sexan unha distracción positiva para os nenos ingresados nolos nosos centros, contribuíndo deste xeito á súa recuperación emocional", explicou o subdirector de Sistemas e Tecnoloxías da Información do Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, Marcos Santos.

Estes talleres tamén permiten aos nenos e os seus familiares empregar lúdicamente elementos tecnolóxicos para coñecer as leis da física e da informática.