Rueda vería unha "boa decisión" elixir o líder do PP nun congreso e "a día de hoxe" non se ve sucesor

Pontevedra
11 de abril 2022

O líder do PP de Pontevedra apela ao diálogo interno e confía en que se fará "unha proposta conxunta na que todos estaremos de acordo". Sobre o seu posto como sucesos, mantén: "Agora mesmo o que estou é falando cos meus compañeiros para ver que propostas facemos. Eu non me vexo a día de hoxe absolutamente de nada"

Alfonso Rueda Mónica Patxot

A celebración dun congreso extraordinario para designar ao novo líder do PP galego cobra forza e este luns, a preguntas dos medios de comunicación, un dos candidatos a priori mellor posicionados para ocupar o cargo, Alfonso Rueda, mostrouse partidario, aínda que sempre cun condicionante, que sexa a proposta unitaria e conxunta do partido

O líder do PP provincial de Pontevedra e vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia explicou que o aínda presidente galego e novo líder do PP nacional, Alberto Núñez Feijóo, está a dedicarse estes días para falar os dirixentes do partido para buscar a mellor forma e Rueda confía en que finalmente se fará "unha proposta conxunta na que todos estaremos de acordo". 

Nese caso, "se a proposta finalmente sería o congreso, creo que sería unha boa decisión", sinalou ante os medios de comunicación. O que esquivou foi dicir se el mesmo sería a persoa adecuada para optar a ese congreso e para substituír a Feijóo nos dous cargos que agora mesmo hai abertos:  presidente do PP e da Xunta. 

"Agora mesmo o que estou é falando cos meus compañeiros para ver que propostas facemos. Eu non me vexo a día de hoxe absolutamente de nada", foi a súa resposta á pregunta directa de se se vía presidente.

Rueda é un home de partido e, como tal, aposta por abordar ambas as sucesións no seo do partido. Trátase de dúas sucesións con dous procesos diferentes, pois a do presidente da Xunta debe pasar polo Parlamento de Galicia e tan só pode asumir o cargo uno dos actuais 42 deputados do PP. 

Rueda sinala que ambas as substitucións pode ser procesos "simultáneos" e "paralelos" e móstrase convencido de que tras un proceso de debate interno, a sucesión será "previsible, ben feito e desde a unidade". 

Tampouco quixo mollarse sobre a conveniencia de que a mesma persoa ocupe ambos os cargos ou se produza unha bicefalia cun líder diferente na Xunta e no PP, pois "tampouco quero adiantar acontecementos". 

Se algo ten claro é que debe abordarse en debates internos e lograr un consenso e unha proposta que sexa "a mellor en conxunto para Galicia", pois lembra que "somos un goberno que está a gobernar e que ten que seguir funcionando" e que "iso é o principal" e "imos ter moito coidado con iso".