O Concello de Poio ten en marcha un plan para renovar a sinalización das súas rúas e prazas, unha iniciativa coa que se pretende dar un lavado de cara á imaxe urbana e, ao mesmo tempo, facilitar a orientación tanto da veciñanza como das persoas que visitan o municipio.
Os primeiros traballos xa se deixan ver na parroquia de San Salvador, onde o paso do tempo fixo máis evidente o desgaste das antigas placas, moitas delas practicamente ilexibles.
A actuación irá estendéndose progresivamente ao resto das parroquias, coa intención de implantar un modelo común que permita unificar a sinalización en todo o termo municipal.
A renovación xa está en marcha en puntos como A Caeira, Viñas, Portosanto, O Vao, Valiñas e Ánkar. Nesta primeira fase substituiranse arredor de 120 sinais, aínda que o plan global contempla a instalación de máis de 600 novas placas durante os vindeiros meses.
Os traballos tamén inclúen a posta a punto dos soportes metálicos xa existentes, que serán pintados e tratados para garantir unha maior resistencia fronte ás inclemencias meteorolóxicas e prolongar a súa vida útil.
Esta actuación enmárcase dentro dunha estratexia máis ampla de mantemento e mellora continua do espazo público. De feito, estes días continúa activo un operativo de limpeza intensiva nas beirarrúas, co obxectivo de mellorar o seu estado e reforzar a conservación das zonas comúns.
A maiores, o Concello tamén levou a cabo tarefas de mantemento na pasarela de madeira da praia de Lourido, mentres que está previsto iniciar de inmediato novas intervencións na ruta dos muíños de Samieira para mellorar a seguridade e o estado destas infraestruturas.
Estas accións súmanse ás xa realizadas anteriormente en puntos como as pontes da Ostreira ou os propios muíños.
En paralelo, mantéñense outros traballos habituais durante todo o ano, como a roza en diferentes puntos do municipio ou a limpeza dos areais.