O Concello de Sanxenxo acaba de aprobar un Plan de Medidas Antifraude para a xestión dos fondos europeos Next Generation e que será aplicado, a partir de agora, no resto de subvencións concedidas para garantir a transparencia e xestión municipal. Con este plan, tanto o Concello de Sanxenxo como Terra de Sanxenxo poñerán en marcha todas as medidas que garantan a loita contra a fraude e denunciará aquelas irregularidades ou sospeitas de fraude que se puidesen detectar en colaboración co Servizo Nacional de Coordinación Antifraude.
Para asegurar o correcto funcionamento do plan crearase unha Comisión Antifraude, de composición eminentemente técnica. Este comité reunirase polo menos unha vez cada tres meses, pero poderán reunirse se así o require algún dos seus membros de forma extraordinaria. Os integrantes deberán realizar unha avaliación periódica do risco de fraude, definir a política antifraude e deseñar as medidas que permitan previr, detectar, corrixir ou perseguir intentos de fraude.
O Concello e Terra comprométense neste plan para realizar charlas e tarefas formativas de diferentes temáticas relacionadas coa fraude e a corrupción co obxectivo de que se poida capacitar ao persoal cunha serie de medidas que lles axuden a previr este tipo de prácticas pouco éticas e susceptibles de fraude.
Sanxenxo foi un dos concellos incluído dentro das axudas europeas do Programa de Sustentabilidade Turística cunha subvención de 2 millóns de euros repartidos en tres proxectos: Crear o Centro da Cultura Gastronómica Rías Baixas (1,3 millóns) no Pazo de Quintáns e poñer en valor a contorna; restaurar a paisaxe entre A Fianteira e Vos Pasales cunha senda de 2,5 quilómetros cunha partida de 110.000 euros e, dentro da contorna da Ría de Arousa, inclúese o acondicionamento de acceso e mellora paisaxística da Telleira, a dotación ecoeficiente do Centro de Interpretación e a museografía do espazo cunha partida total de 457.000 euros