O Concello de Sanxenxo deu un novo impulso á mellora dos seus espazos públicos coa recuperación e acondicionamento dunha pequena zona verde situada nun dos extremos da Praia Panadeira.
Este recuncho foi renovado por operarios municipais con novas plantas, arbustos e un muro de pedra que dá soporte a catro respaldos que funcionan como banco, convidando os veciños e visitantes a gozar dun momento de descanso e das vistas ao mar á sombra dunha árbore que xa existía na zona.
Ademais, a Concellaría de Medio Ambiente, Mantemento e Servizos tamén axardinou unha das novas rotondas da estrada da Vichona (PO-504), mediante a plantación dunha oliveira central, pequenos arbustos e a instalación de iluminación decorativa.
Estas intervencións forman parte dunha estratexia municipal que busca embelecer as áreas públicas e potenciar a calidade de vida no municipio.
O compromiso está reflectido na revalidación do galardón de Vilas en Flor con dúas Flores de Honra, recoñecemento que distingue o coidado de máis de 220 espazos verdes en Sanxenxo.
Neses 220 espazos están incluídas as dúas novas incorporacións como son o Miradoiro da Peixeira e a zona axardinada en Panadeira, coas que o Concello quere continuar mellorando e embelecendo os espazos públicos e a imaxe do municipio.
Vilas en Flor é un programa que quere mostrar a riqueza natural e paisaxística do territorio mediante o recoñecemento público de todos aqueles proxectos de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos que son un exemplo a seguir.