Sanxenxo volve liderar as praias con bandeira azul de Galicia, a terceira rexión con máis distintivos

Sanxenxo
04 de maio 2023

Este verán estrean distintivo o porto de Pedras Negras do Grove e Casa Museo de Colón de Poio

Acto de izado das bandeiras azuis en Bueu
Acto de izado das bandeiras azuis en Bueu / Concello de Bueu

Este verán as praias de Galicia lucirán 113 bandeiras azuis. Un total de 34 municipios contarán, polo menos, cun destes galardóns que cada ano entrega a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac). A comunidade autónoma mantense como a terceira rexión con maior número de distintivos, só por detrás de Valencia (135) e Andalucía (127).

Os criterios para outorgar estes recoñecementos ás praias pasan pola calidade das augas, que ten que ser excelente; a seguridade, a accesibilidade, a dotación de servizos, a xestión ambiental e a sustentabilidade. 

Por provincias, Pontevedra concentra o maior número de bandeiras azuis de Galicia con 58 galardóns. Ademais, Sanxenxo repite como municipio español con máis areais recoñecidos, un total de 17, os mesmos que no 2022.

Así, lucirán este distintivo os areais da Lapa, Agra, Areas, Areas Gordas, Baltar, Bascuas, Canelas, Caneliñas, O Espiñeiro-A Lanzada, Foxos, Major, Montalvo, Nosa Señora da Lanzada, Panadeira, Paxariñas, Pragueira e Silgar.

O alcalde, Telmo Martín, celebra renovar estes galardóns. "Somos unha potencia turística e temos que seguir apostando pola mellora continua da seguridade e dos servizos en praias", sinalou.

A elas súmanse catro ensinas máis, concedidas ao Real Club Náutico de Sanxenxo, o Club Náutico de Portonovo, o porto deportivo municipal Juan Carlos I e o Centro Azul da Telleira.

No ranking de concellos con máis distintivos das rías de Pontevedra e Arousa, seguen a Sanxenxo Bueu, con cinco  -Area de Bon, Banda do Río, Lagos, Lapamán e Portomaior-; e Marín, con catro. Este municipio perde unha bandeira, a de Loira, e mantén as de Aguete, Mogor, Portocelo e O Santo.

A Illa de Arousa -Area da Secada e O Bao- e Vilagarcía -Campanario e Compostela- mantéñense con dous, as mesmas que o ano pasado. Poio, pola súa banda, revalidou a súa bandeira para a praia de Cabeceira e Ponte Caldelas para a praia fluvial da Calzada.

Unha das novidades é a concesión, por primeira vez, da bandeira azul para a Casa Museo de Colón, en Poio. O alcalde, Luciano Sobral, subliñou que este distintivo "suporá sen dúbida un novo pulo para poñer en valor e axudar a difundir a teoría da orixe galega de Cristóbal Colón".

Tamén lucirá esta bandeira, neste caso tras recuperala, o porto deportivo de Pedras Negras no Grove.

Entre os centros galardoados renovaron a súa bandeira a Aula de Natureza Cabo Udra e o Centro de interpretación de Agrelo (Bueu), o Centro de interpretación da Conserva (A Illa de Arousa) e o Centro de interpretación dos petróglifos de Mogor (Marín).