"Quero que Ponte Caldelas estea o máis protexida posible", así de contundente é Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas, ao referirse á instalación do segundo arco desinfectante que o goberno local estableceu nos principais puntos de acceso ao centro urbano da vila.
Se o primeiro instalouse o martes na rotonda de Cuñas, este venres os operarios procedían a montar outro arco na rotonda de Pazos. Trátase dunhas estruturas que pulverizan unha solución desinfectante sobre os vehículos que acceden ao núcleo dentro da campaña que se promove desde o Concello onde se quere demostrar que "vivir e comprar en Ponte Caldelas é seguro!".
Estes arcos desinfectantes ocupan un só carril de circulación e teñen cinco metros de altura para que poidan actuar sobre todo tipo de vehículos. Segundo o goberno local, o arco atópase perfectamente sinalizado e as persoas que viaxen nos vehículos deberán pechar os portelos e reducir a velocidade ata os 10 km/hora para que o sistema sexa efectivo.
A Xunta de Galicia sinalou que estes arcos carecen de autorización para ser instalados nunha estrada de titularidade autonómica e desde a administración autonómica responsabilízase ao Concello de Ponte Caldelas de calquera accidente que poida producirse con motivo da presenza destas novas estruturas.