A Semana Máxica de Poio abre inscricións para unha edición cargada de actividades e aventura

Poio
14 de xullo 2026

Esta actividade, gratuíta e subvencionada polo Concello, conta con 50 prazas dispoñibles destinadas a nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria e de 1ª e 2º da ESO

Semana Máxica 2025 Concello de Poio

Este mércores 15 de xullo e até o próximo día 31 ábrese o prazo de inscricións para participar na Semana Máxica de Poio, unha actividade gratuíta e educativa que ofrece aos máis pequenos a oportunidade de gozar dun campamento con aloxamento, xogos, excursións e diversas actividades.

Desde o Concello explican que a iniciativa, que conta cunha cota máxima de 50 prazas, vai dirixida a nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º da ESO.

Entre os aspectos a destacar da Semana Máxica atópanse o seu carácter gratuíto, pois é unha actividade subvencionada integramente polo goberno local, e a súa ampla oferta de actividades entre as que destaca o novo bautismo hípico para todas as persoas participantes.

Estas 50 prazas distribúense en dous grupos de 25 cada un e todos eles gozarán do campamento e as súas actividades na escola de Tarrío, en Samieira.

En primeiro lugar farao o alumnado de secundaria entre o 17 e o 19 de agosto e, posteriormente, será a quenda dos escolares do último ciclo de Primaria, entre o 19 e o 21 do mesmo mes.

A actividade inclúe aloxamento en pensión completa así como todas as comodidades e materiais necesarios para gozar das diferentes actividades: Sendeirismo, xogos de grupo, obradoiros creativos, expresión artística, excursións e o novo bautismo hípico.

Desde o Concello explican que para completar o formulario de inscrición será necesario presentar unha copia do DNI da persoa participante e, si é necesario, a documentación relativa aos seus datos médicos ou outras circunstancias que sexa preciso coñecer para garantir o correcto desenvolvemento da actividade.

Informan tamén de que a lista de persoas admitidas xunto á lista de reserva publicaranse o próximo día 5 de agosto.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora