Semana Santa de chuvia e baixada de temperaturas nas Rías Baixas

Pontevedra
14 de abril 2025

Meteogalicia anuncia un descenso notable das temperaturas a partir do martes 15 e treboadas localmente fortes nos primeiros días da semana

Procesión da Virxe das Dores baixo a chuvia

A Semana Santa nas Rías Baixas virá acompañada de tempo inestable, con chuvias, sarabia e incluso neve por riba dos 1.000 metros nos primeiros días, segundo a previsión do servizo de Meteogalicia.

Unha fronte atravesará Galicia este luns 14 deixando precipitacións pola mañá e trebóns localmente fortes pola tarde, mentres as temperaturas descenderán de xeito notable, situándose entre os 11 e os 17 graos en Pontevedra.

O martes 15, o aire frío do noroeste intensificará o mal tempo, con chuvascos ocasionais, sarabia e cota de neve arredor dos 1.000 metros.

As máximas non superarán os 13 graos nas Rías Baixas, cunhas mínimas de só 7 graos, valores moi por debaixo do habitual nestas datas. O vento noroeste soprará con intensidade moderada, aumentando a sensación de frío.

O mércores 16 chegará cunha lixeira estabilización, aínda que persistirán os chuvascos pola mañá.

As temperaturas comezarán a subir, alcanzando os 17 graos de máxima, aínda que as noites seguirán sendo frías para esta época do ano, situándose arredor dos 7 graos. O vento virará a oeste, manténdose moderado.

A partir do xoves, as borrascas atlánticas manterán alta a probabilidade de chuvia en toda Galicia. Aínda que as temperaturas ascenderán lixeiramente, continuarán sendo baixas para a época, polo que se recomenda levar roupa de abrigo e paraguas se se van a seguir procesións ou actividades ao aire libre.

Imaxe do satélite de Meteogalicia este luns 14 de abril de 2025Meteogalicia