A socialista Carmela Silva foi investida este venres presidenta da Deputación de Pontevedra cos dez votos do PSdeG-PSOE e os catro BNG, en virtude do pacto que propiciou un cambio de goberno na Administración provincial, no que o concelleiro nacionalista César Mosquera é o vicepresidente.
"The times they are a-changing", proclamou Carmela Silva citando a Bob Dylan en referencia ao "cambio histórico" que dá relevo no goberno provincial ao Partido Popular con Rafael Louzán como presidente.
Carmela Silva pronunciou dous discursos, un como candidata e outro xa como presidenta da institución, en ambos os dous trasladou o compromiso de gobernar "como un único equipo", e facelo "dende a ilusión, o diálogo, o consenso e a defensa dos servizos públicos".
A socialista prometeu "un cambio radical" na xestión da institución pontevedresa "abrindo ventás e portas".
As palabras da presidenta foron aplaudidas polo público que abarrotou o Salón de Plenos do Pazo Provincial entre o que se encontraba o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e os alcaldes de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o de Vigo, Abel Caballero, ademais dunha nutrida representación de cargos e militantes do Partido Socialista que quixeron avalar a súa compañeira nesta sesión constitutiva da corporación provincial.
A emoción dos socialistas visibilizó se na deputada Isaura Abelairas que, ao ser a máis veterana de entre os membros da Corporación, presidiu a mesa de idade e que, con voz quebrada, evocou a activista polo sufraxio feminino Hellen Keller e desexou "a mellor das sortes", á súa compañeira e amiga, Carmela Silva.
Abelairas chamou un a un aos membros da Corporación para que tomasen posesión do cargo de deputado. A continuación, os voceiros de BNG, PSOE e PP (o representante de Marea declinou a súa quenda de palabra) pronunciaron o seu discurso.
O voceiro nacionalista, César Mosquera, desexou que a calor sufocante do salón de plenos non fose un "mal presaxio" para o futuro goberno provincial para o que marcou como máxima "a prudencia e a humildade" ante o risco de "caer na soberbia de intentar dicirlle as corporacións municipais, directamente elixidas polos cidadáns, o que teñen que facer". Finalmente expresou o apoio do seu grupo a Carmela Silva "condicionado" ao cumprimento do programa de goberno subscrito no pacto.
A continuación falou Carmela Silva postulando a súa candidatura á presidencia dun goberno provincial que aspira a ser "garante dunha forma distinta de facer política", acabando cun modelo de xestión "baseado na discrecionalidade e a discriminación".
No seu primeiro discurso Carmela Silva trasladou o seu total rexeitamento á lei de racionalización das administracións públicas, e comprometeuse a potenciar a autonomía local e o municipalismo.
Por parte do Partido Popular falou a nova voceira Nidia Arévalo, que defendeu a xestión feita por Rafael Louzán á fronte da Deputación nos últimos anos instando PSOE e BNG a que "non destrúan este amplo legado".
Deseguido tivo lugar a votación a man alzada, na que non houbo sorpresa, e socialistas e nacionalistas apoiaron conxuntamente a elección de Carmela Silva, quen ao coller o bastón proclamou que "dende hoxe a Deputación é a casa da xente".