Hai persoas que, máis alá do que fan, deixan unha impresión rara e valiosa: a da bondade tranquila, a proximidade sincera e a sensación de estar sempre dispostas a sumar. Rafa Cotelo é unha delas. Desas persoas coas que dá gusto atoparse porque transmiten humanidade, intelixencia e unha forma de estar no mundo que reconcilia un pouco con todo.
Falar con Rafa é atoparse con alguén culto, xeneroso e profundamente comprometido, pero tamén cunha persoa que fai sentir a gusto desde o primeiro momento.
Ten unha elegancia natural, serena, nada impostada, que se nota na súa maneira de moverse, de falar e de tratar os demais. Hai nel unha mestura moi pouco común de curiosidade, amabilidade, sentido do colectivo e vocación de servizo que fai que un non só o escoite con atención, senón tamén con verdadeiro cariño. Máis alá da súa traxectoria, que é moita, o que de verdade queda é a súa forma de estar: próxima, amable e sempre disposta.
- Dime unha pregunta que non che guste que che fagan.
Ningunha.
- Como é a túa relación con Pontevedra?
Moi profunda. Cheguei aquí sendo moi mozo, pero sempre sentín un magnetismo enorme por Galicia. Nacín en Montevideo por circunstancias da vida, pero sempre me sentín galego e Pontevedra foi a miña casa de verdade.
- Como te definirías?
Traballador, optimista e agradecido.
- Que características ten a túa xeración?
Creo que é unha xeración moi traballadora, feita a base de esforzo e bastante adaptable. Tocounos vivir moitos cambios, pero tamén aprendemos a valorar as relacións humanas, o compromiso e o sentido de comunidade.
- Chegaches a Pontevedra con 18 anos. Como foi ese proceso de facerte un sitio aquí e de converter esta cidade en casa?
Foi un proceso natural, aínda que non exento de mestura. Eu viña de Uruguai falando galego na casa e castelán na rúa, cun acento distinto, e aquí a xente sempre preguntaba de onde era. Co tempo, esa mestura acabou formando parte de quen son: non son de todo de aquí nin de todo de alá, pero Pontevedra é o meu lugar.
- Comezaches na UNED desde abaixo e acabaches formando parte do equipo directivo. Que significou para ti ese percorrido?
Moitísimo. Entrei na UNED hai xa moitos anos e fun pasando por distintos departamentos, crecendo profesionalmente ata coordinar Extensión Universitaria e formar parte do equipo directivo. Foi un percorrido do que me sinto moi orgulloso e polo que estou profundamente agradecido.
- Tamén es xuíz de paz. Que che achega ese papel e que che permite coñecer da sociedade na que vives?
Vénme moi ben para integrarme na sociedade na que vivo. Gústame estar pegado á realidade da xente e coñecer de preto o lugar no que estou.
- Creaches Ágora do Atlántico coa idea de dinamizar Monteporreiro. Que che gustaría que esa asociación chegase a cambiar no barrio?
Gustaríame que Ágora do Atlántico contribuíse a crear máis comunidade. Queremos traballar sobre todo coa xente maior e cos rapaces, poñendo en marcha obradoiros de memoria, actividades culturais e un programa de reforzo escolar gratuíto con voluntarios. Sempre pensei que a vida é unha cadea de favores: eu recibín moita axuda e agora intento devolver unha parte do recibido axudando os demais. Se conseguimos que as persoas se coñezan máis, se axuden máis e se sintan máis orgullosas do seu barrio, teremos logrado o noso obxectivo.
- Que é a amizade?
A amizade é algo moi difícil de atopar de verdade. Amigos dise moi fácil, pero a amizade auténtica é esa que está aí cando «as papas queiman».
- Se puideses viaxar no tempo, irías ao pasado ou ao futuro?
Volvería ao pasado. O futuro pode ser interesante, pero hai xente que quedou atrás e hai cousas que non teñen prezo, como poder volver abrazar a miña nai.
- Dime unha canción que te emocione.
Unha de Roberto Carlos dedicada á súa nai.
- Frío ou calor?
Un pouco de todo, dependendo. Moi galego para iso.
- Con que prato sorprendes os teus invitados?
Coa miña torta de queixo, son moi de doce.
- Que hai despois da vida?
Sinceramente, non o sei. Gustaríame que houbese outra e que fose mellor, pero dúdoo bastante.
- A quen te gustaría ver nesta sección?
A Rita Doval e a Manolo Loureiro, os pais de Manel Loureiro. Todos coñecemos a Manel e gozamos dos seus libros e das súas presentacións, pero poucas veces pensamos nas persoas que hai detrás. Creo que sería unha entrevista moi entrañable e tamén moi divertida, porque teñen moitísimo que contar e unha forma de ser que dá moito xogo.
- E por último, que vas facer cando remate a entrevista?
Marchar correndo ao Museo de Pontevedra, que teño alí un seminario en marcha.
Para Rafa, Pontevedra sabe a mar, cheira distinto segundo o día, é de cor azul e soa a gaita. Definitivamente, Rafa Cotelo sente Pontevedra.
O CUESTIONARIO
- Nunca saio de casa sen… o teléfono, lamentablemente.
- Na miña neveira sempre hai… un pouco de todo que non debería haber.
- No meu armario destaca… que está a tope e que case sempre vou practicamente co mesmo, por comodidade.
- A idade é… un número; eu síntome coma se tivese 25.
- Creo na… xente.
- O ano que marcou a miña vida foi… cando vin definitivamente para aquí.
- O mellor agasallo que me poden facer é… tempo.
- O meu lugar no mundo é… Galicia.
- Se non puidese vivir en Pontevedra viviría en… Río de Xaneiro.
- O meu momento favorito do día é… polas mañás, cando me levanto a almorzar.
- Pontevedra ten alma de… nai.