Os servizos de Urxencias da Área Sanitaria prestaron 3.852 asistencias durante a fin de semana

Pontevedra
04 de agosto 2025

Coincidindo co arranque do mes de agosto, Montecelo atendeu 913 urxencias e o Hospital do Salnés 433. O PAC da Parda rexistrou 496 pacientes entre as gardas do venres ao domingo

Ambulancia no acceso a Urxencias no Hospital Montecelo Mónica Patxot

Os servizos de urxencias hospitalarios e extrahospitalarios da Área Sanitaria de Pontevedra e o Salnés prestaron un total de 3.852 asistencias na pasada fin de semana, na que se celebraron varios eventos festivos masivos.

Así, durante a fin de semana, os nove Puntos de Atención Continuada (PAC) desta área de saúde prestaron un total de 2.506 asistencias.

Dese global de actividade de urxencias extrahospitalarias, no PAC de A Parda en Pontevedra atendéronse a 496 pacientes entre as gardas do venres 1, sábado 2 e onte domingo 3, coincidindo co inicio do mes de agosto.

Durante as celebracións da Festa do Albariño en Cambados, a Área Sanitaria asumiu nesta localidade 268 urxencias, en O Grove 245 e no PAC de San Roque en Vilagarcía de Arousa 471 asistencias urxentes.

Así mesmo, nas urxencias extrahospitalarias do centro de saúde de Baltar en Sanxenxo asumíronse nos primeiros tres días de agosto 384 asistencias; o PAC de Bueu atendeu 128 urxencias, o PAC de Caldas de Reis 227, Marín atendeu 216 e o PAC de Terra de Montes 71 asistencias.

URXENCIAS HOSPITALARIAS

No que atinxe ás urxencias hospitalarias do inicio de agosto, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés atendeu durante os pasados venres 1, sábado 2 e onte domingo un total de 913 urxencias no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 433 no Hospital do Salnés en Vilagarcía de Arousa.

Neste senso, dende a Xerencia lembran que a Área Sanitaria ten reforzadas as presenzas de profesionais médicos e de Enfermaría nos Puntos de Atención Continuada emprazados naquelas localidades que nesta época estival reciben unha maior afluencia poboacional.

ACTIVIDADE DOS PAC O PASADO XULLO

Durante o recén rematado mes de xullo, os nove Puntos de Atención Continuada de centros de Atención Primaria da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés asumiron un total de 21.513 asistencias.

Concretamente, no PAC pontevedrés da Parda foron 4.295 atencións; en Marín asumíronse 2.067 patoloxías; o Punto de Atención Continuada de Bueu atendeu en xullo 1.139 casos; en Caldas de Reis asumíronse nese mesmo período 2.008 asistencias. 

Así mesmo, nas urxencias do centro de saúde de Baltar en Sanxenxo asumíronse o pasado xullo 2.796 asistencias; o PAC de Cambados atendeu 2.858 urxencias; o PAC de Vilagarcía de Arousa no centro de saúde de San Roque asumiu o pasado mes 3.810 patoloxías; o Punto de Atención Continuada de O Grove atendeu en xullo 2.103 casos, mentres que o PAC de Terra de Montes prestou 437 asistencias.

INCORPORACIÓNS MIR

Complementariamente a esta actividade asistencial, a Xerencia da Área Sanitaria detaca que dos 14 facultativos internos residentes -MIR- hospitalarios que finalizaron o seu período formativo na Área Sanitaria de Pontevedra no pasado mes de xullo, quedaron incorporados á asistencia un total de nove facultativos.

Ademais, incorporáronse outros 7 MIR máis á Área procedentes doutras áreas sanitarias e doutras comunidades autónomas coma Madrid ou Castela León.

No que atinxe ás incorporacións de médicos internos residentes -MIR- de Atención Primaria, un total de 7 facultativos de Medicina Familiar e Comunitaria quedaron a prestar servizo na Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés: 5 deles en centros de saúde (un procedente da Área Sanitaria de Ourense e outro chegado desde Burgos) e outros dous para prestar servizo nos servizos hospitalarios de Urxencias -un para o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e outro para o Hospital do Salnés-.