Sobe a 11 o número de pacientes con Covid na UCI de Montecelo tras unha xornada con 44 contaxios detectados

Pontevedra
05 de xaneiro 2021

O número de casos activos de coronavirus na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés é de 751 a día 5 de xaneiro, o que supón 20 máis que na xornada anterior

Urxencias do Hospital de Montecelo Mónica Patxot

O aumento de casos de Covid que está a experimentar a Área Sanitaria nas últimas xornadas empézase a notar tamén na presión hospitalaria.

Así no balance oficial ofrecido este martes 5 de xaneiro polo Servizo Galego de Saúde reflíctese que 11 persoas positivas en Covid evolucionan na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) de Montecelo, tres máis que a xornada anterior.

O número total de hospitalizados crece só nun afectado (48), ao atoparse 37 pacientes ingresados en planta repartidos entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (31) e o Hospital do Salnés (6).

Segundo estes datos nas últimas 24 horas detectáronse 44 novos contaxios, o que unido ás 24 altas epidemiolóxicas dadas fai crecer os casos activos de  conoronavirus na área pontevedresa ata os 751, unha vintena máis que o luns.

Desde o inicio da pandemia superaron a infección 6.336 pacientes da área sanitaria, contabilizándose 83 falecementos asociados ao virus.

En canto ás PCR, tras varios días con cifras baixas de test volvéronse a incrementar ata as 600 probas, que se engaden ás 116.987 efectuadas con anterioridade.

A nivel autonómico o número de casos activos en Galicia é de 5.991, tras rexistrarse un incremento de 86 con respecto ao luns.