Soutomaior logra a transferencia da PO-264 para modernizar Arcade

Soutomaior
15 de abril 2026

As rúas Xosé Solla, Rolexio Landeiro e Calvario, a pesar de ser parte do núcleo urbano de Arcade, eran, até este momento, propiedade da Xunta de Galicia

Infografía de Rolexio Landeiro Concello de Soutomaior

Desde a súa chegada ao concello, o actual goberno de Soutomaior impulsou, con éxito, a transferencia das rúas Xosé Solla, Roxelio Landeiro e Calvario.

Estes tramos da PO-264 que van desde a ponte de Ponte Sampaio até o cruzamento da Feira de Arcade, até agora eran propiedade da Xunta de Galicia e "presentaban un importante estado de deterioración" ao levar "décadas sen inversións".

Ao tratarse de rúas que non eran propiedade do Concello, "non tiñamos capacidade de actuar sobre elas", detallou o alcalde, Manu Lourenzo.

O rexedor iniciou fai máis de dous anos as xestións co goberno galego para que transferise a titularidade destes tramos, pero non foi até o pasado mes de outubro cando se empezou a abrir esa posiblidade de transferencia.

Foi tras unha reunión coa conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue; a delegada territorial Ana Ortiz, e o director territorial da provincia de Pontevedra, José Manuel Gómez González.

O acordo establece que a Xunta se encargará de executar as obras de humanización entre Ponte Sampaio e Fonte do Conde e permitiría ao Concello a optar a fondos da Deputación para o tramo entre Fonte do Conde e Roxelio Landeiro.

Lourenzo ten claro que "con esta transferencia, Arcade dá un paso de xigante que lle permitirá modernizar o seu núcleo urbano e adaptalo aos tempos actuais", á vez que sinalou que "todos os concellos da contorna están traballando en proxectos similares e Soutomaior estaba a quedar atrás".

"Grazas a esta xestión", afirmou, "poderemos levar adiante obras que levaban máis dunha década sendo necesarias e que permitirán unha mellora importante da calidade de vida da veciñanza e dos negocios locais".