Soutomaior saca peito da súa paisaxe litoral fluvial

Soutomaior
02 de outubro 2025

A primeira actividade será o 11 de octubro, o curso ‘Uso sostible e ambiental da ZEC Enseada de San Simón, do esteiro e do río Verdugo’. Están abertas as inscricións de balde ata o 9 de outubro

Contorna da Xunqueira, en Soutomaior

Con outubro, chegou a Soutomaior un proxecto para protección do patrimonio histórico-etnolóxico do municipio, 'A memoria sostible: a paisaxe litoral fluvial de Soutomaior. 

Durante este mes iniciaranse as actividades enmarcadas nesta iniciativa, que busca poñer en valor e divulgar espazos do concello como o conxunto dos muíños de Daión e o litoral do río Verdugo e da Ría de Vigo.

A primeira actividade será o día 11 de octubro. Trátase do curso ‘Uso sostible e ambiental da ZEC Enseada de San Simón, do esteiro e do río Verdugo’ e xa están abertas as inscricións en liña e de balde ata o 9 de outubro en https://soutomaior.gal/actividades.

O día 12 de outubro a actividade buscará descubrir a biodiversidade ‘Bioblitzs’, cunha observación de aves para a que tamén están abertas as inscricións no mesmo prazo e ligazón.

O día 19 de outubro haberá unha actuación de voluntariado ambiental para a mellora de hábitats, en concreto, unha limpeza de praia.

Tamén están abertas as inscricións en liña e de balde ata o 16 de outubro en https://soutomaior.gal/actividades

O Concello de Soutomaior continuará no 2026 con outras moitas actividades como un roteiro ‘Camiños da auga’, charlas divulgativas nos centros educativos ou accións de voluntariado ambiental para a limpeza de lixo e para a eliminación de especies invasoras.

Tamén se promoverá o deseño e colocación de paneis interpretativos sobre o río, biodiversidade, mar e muíños (con QR que dirixan a vídeos explicativos sobre o patrimonio cultural asociado) e haberá unha xornada ecofeminista para visibilizar ás mulleres nas tradicións galegas desde o rural ata o mar.

Con este proxecto Soutomaior quere gañar en sostibilidade e fomentar un turismo rural e de mar respetuoso que vaia da man da creación de espazos de lecer de calidade onde as persoas poidan compartir interxeneracionalmente o inmenso legado litoral e fluvial que hoxe conservamos.

Tamén buscarán contribuír ao emprego sostible desde unha ollada pedagóxica do espazo que revirta no fomento de iniciativas nas vertentes medioambiental, socioeconómica e territorial.

Contorna natural de Arcade, en SoutomaiorConcello de Soutomaior