Soutomaior abre o prazo de solicitudes para a concesión de barras e postos de venda durante a Semana Grande

Soutomaior
07 de xullo 2025

As solicitudes poderán presentarse ata o vindeiro 14 de xullo ás 14:00 horas, e estas deberanse levar a cabo mediante instancia xeral a través da Sede electrónica

Carpa da festa Concello de Soutomaior

O Concello de Soutomaior vén de abrir o prazo de presentación de solicitudes para a concesión de barras e postos de venda de cara á II Semana Grande de Soutomaior, que terá lugar entre o 1 e o 7 de agosto.

As persoas e empresas ás que se lles autorice a colocación e uso de barras e postos de venda poderán facelo nos dous espazos principais nos que se desenvolverán as actividades da programación: na contorna da Igrexa de San Salvador (1, 3 e 5 de agosto) e na contorna do Campo da festa de Candán (2, 3, 5 e 6 de agosto). 

O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 14 de xullo ás 14:00 horas, e estas deberanse levar a cabo mediante instancia xeral a través da Sede electrónica.

As persoas e empresas interesadas poden consultar todos os requisitos, a documentación requirida e o réxime de puntuación das propostas nas bases penduradas no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de Soutomaior, onde tamén atoparán os anexos que deben cumprimentar.

Nas bases recóllese que terán preferencia aqueles solicitantes que entreguen a solicitude en tempo e prazo requiridos e cumpran as condicións xerais establecidas.

Establecerase o seguinte orde de prioridade: En primeiro lugar, as solicitudes realizadas por persoas xurídicas, profesionais da restauración, bares e pubs; en segundo lugar, entidades sen ánimo de lucro, que presenten solicitude e vaian destinar a recadación a fins socioculturais ou deportivos a desenvolver no concello; e en terceiro lugar, só no caso de que quedase vacante a barra, as solicitudes a título individual de persoas físicas.