A meteorología adversa frustrou a celebración da tradicional Procesión dos Pasos en Pontevedra este Xoves Santo.
A Xunta Coordinadora da Semana Santa, tras unha reunión celebrada á primeira hora da tarde, decidiu por unanimidade suspender o desfile procesional previsto para as 20:00 horas desde a Basílica de Santa María.
A decisión tomouse tras activar o servizo de emerxencias 112 a alerta amarela por choivas desde as 18:00 horas deste xoves ata as 15:00 horas do Venres Santo, no que supón un novo revés para unha Semana Santa xa afectada polas inclemencias meteorolóxicas desde o seu inicio.
A procesión suspendida, unha das máis vistosas e significativas para fieis e visitantes, ía contar coa participación de sete confrarías pontevedresas e a presenza institucional do presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
O desfile mostraría pasos tan destacados como a Santa Cea, a Oración no Horto, o Bico de Xudas, a Flagelación, Xesús Cautivo, Xesús atado á columna, o Ecce Homo, a Cruz ao lombo e o Santísimo Cristo da Expiración coa Virxe da Soidade.
Para o resto da semana, a Xunta Coordinadora continuará avaliando diariamente a situación meteorolóxica antes de tomar decisións sobre as seguintes procesións, tendo en conta que este venres 18 está prevista a matinal do "Encontro", ás 09.30 horas e a máis participativa de todas as que se celebran na cidade, a Procesión do Santo Enterro, a partir das 20.00 horas.
Esta suspensión súmase ás dificultades xa experimentadas en días anteriores, cando a procesión do venres 11 tivo que realizarse apresuradamente e limitarse ao perímetro da igrexa de San Xosé en Campolongo debido tamén ao mal tempo e a do luns, denominada do Tres Caídas, suspendíase por mor das chuvias.
SUSPENSIÓN TAMÉN EN SANXENXO
A Confraría do Nazareno e Sto. Sepulcro tamén anunciou a cancelación da procesión do Nazareno prevista para este xoves pola alerta de chuvias.
A programación continuará cos horarios previstos no Novo Templo coa Santa Misa na cea do Señor ás 20.00 horas para, a continuación, celebrar quendas de Adoración e, ás 22.30, Hora Santa para as Confrarías.