A Deputación de Pontevedra celebrou este venres o pleno ordinario de xullo que comezou cun minuto de silencio en repulsa ao asasinato dunha traballadora do servizo de axuda no fogar do Porriño.
A corporación provincial aprobou unha modificación de crédito de preto de 1,4 millóns de euros para financiar proxectos de eficiencia enerxética de +Renovables (934.000 euros), así como a adquisición de bens e servizos en campionatos ou eventos deportivos (100.000 euros) ou melloras no Centro Príncipe Felipe (73.000 euros), entre outras cuestións.
A medida saíu adiante co voto favorable dos deputados do grupo popular, a abstención do BNG e o voto en contra do PSOE.
E tres anos despois de que o xulgado recoñecese que os terreos que ocupa a instalación da Cidade Infantil Príncipe Felipe son comunais, a Deputación de Pontevedra aprobou hoxe por unanimidade a adquisición onerosa dun dereito de uso sobre esta superficie, pertencente ao monte veciñal Montecelo, propiedade da Comunidade de Montes de Mourente.
Ese convenio fixa unhas condicións semellantes ás asinadas no seu día co Sergas polos terreos do Hospital Montecelo. Así, a Deputación pagará o mesmo canon que o Sergas e o convenio terá duración indefinida. Manterase mentres a xestión sexa pública e directa.
O convenio refírese unicamente á parcela de 109.606 metros cadrados actualmente xestionada pola Deputación e onde leva a cabo o labor asistencial.
O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, asegurou que foron "dous anos de negociacións intensas" e que se trata dun acordo "beneficioso para todos" ao que "o Bloque e o PSOE non foron capaces de chegar" cando gobernaban na administración provincial "algo que lles escoce", dixo.
O portavoz do BNG e anterior vicepresidente da Deputación, César Mosquera replicou que esas son unhas "afirmacións desafortunadas que non se corresponden coa realidade" xa que este convenio "está condicionado a que se admita a trámite o recurso de casación no Supremo" lembrando que "a administración ten unha serie de trámites que ten que respectar" polo que, segundo dixo, esta negociación "non estivo parada por falta de diálogo nin nada semellante". Polo que recomendou a Rafa Domínguez "un pouquiño máis de prudencia e menos soltar patadas".
Pola súa banda, o portavoz socialista Gregorio Agís criticou "a necesidade de atribuírse méritos que non lle competen" por parte do Partido Popular.
MOCIÓNS
O PP defendeu no pleno unha moción, aprobada unicamente cos votos dos populares, na que pide á Deputación que solicite ao Goberno Central que explique "a que está a esperar para desbloquear a situación da dragaxe do río Lérez?".
O vicepresidente Rafa Domínguez lamentou que ante a autorización do punto de vertedura dos áridos extraídos do río na contorna da Illa de Sálvora "atopámonos co BNG do non" e con que o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, "contradi o seu propio informe e di que non se van a depositar os áridos onde apuntan os técnicos".
Pola súa banda o portavoz nacionalista César Mosquera lembrou un informe de Portos de Galicia que acredita que "os lodos de Pontevedra están cunha contaminación que non permite tiralos ao mar, teñen que ser tratados en seco" unha solución moito máis cara, segundo dixo, polo que reiterou que no BNG "estamos a favor do dragado pero a Xunta quere facelo baratito, baratito".
A portavoz do Partido Socialista, Ana Laura Igrexas, criticou a "incompetencia" da Xunta e a "desfachatez" do PP neste asunto e reiterou que "o Goberno emitirá de maneira inminente o informe sobre a vertedura" e que "a composición do material a dragar será o factor que determine si o depósito debe facerse no mar ou en terra".
Tamén se debateron dúas propostas do grupo socialista, unha para instar a Deputación a que esixa á Xunta de Galicia a mellora do transporte interurbano e metropolitano na provincia, e outra para esixir unha programación cultural con motivo do 150 aniversario do nacemento de María Vinyals.
Estas dúas cuestións foron rexeitadas polo grupo maioritario do Partido Popular grazas ao voto de calidade do presidente, Luís López, xa que hoxe o PP empataba en 13 deputados con socialistas e nacionalistas ao faltar a deputada Belén Cachafeiro que a esta mesma hora estaba a tomar posesión como alcaldesa de Forcarei tras a moción de censura presentada polo seu partido.