Tres incendios intencionados calcinan dúas hectáreas de monte en Cuntis

Umia
09 de agosto 2020

Producíronse dous incendios forestais na subida a Mesego (parroquia de Cuntis) e un na zona contraria do monte, pertencente ao lugar de Sebil, na parroquia de Cequeril. O Concello de Cuntis expresa a súa "condena máis enérxica" ante estes actos incendiarios, acontecidos na pasada noite 

Incendio en Cuntis Concello de Cuntis

Tres incendios que, segundo todos os indicios, foron provocados queimaron na noite deste sábado dúas hectáreas de monte nas parroquias de Cuntis e Cequeril, no Concello de Cuntis.

Segundo a información facilitada polo Concello de Cuntis, producíronse dous incendios forestais na subida a Mesego (parroquia de Cuntis) e un na zona contraria do monte, pertencente ao lugar de Sebil, na parroquia de Cequeril.

O Concello de Cuntis expresa a súa "condena máis enérxica" ante estes actos incendiarios, acontecidos na pasada noite. O alcalde, Manuel Campos, sostén que son tres lumes "provocados cunha clara intencionalidade e con afán de facer moito dano". 

Segundo o alcalde, só a rápida actuación dos Servizos de Emerxencias municipais e das brigadas da Consellería de Medio Rural permitiu que os incendios non chegasen a calcinar máis aló de dúas hectáreas. 

Aínda así, o dificultoso do terreo e a intensidade do lume fixeron que os servizos de loita contra o lume tivesen que realizar un esforzo moi importante ata ben entrada a madrugada para poder aplacar as lapas e impedir que os danos fosen maiores. 

Manuel Campos informou de que as forzas de seguridade xa están investigando o acontecido para tratar de dar co autor ou autores destes lumes forestais. "Máis antes ca tarde conseguiremos dar con aqueles que queren queimar a nosa terra e faremos que rendan contas ante a xustiza", afirmou.