A Deputación de Pontevedra impulsa e promove a posta en marcha do "Curso Avanzado de Xestión en Igualdade e Diversidade; Inclusión e equidade para unha contorna laboral máis xusta", que se celebrará na UNED da cidade do 11 de marzo ao 14 de maio.
A presentación do curso contou coa participación da deputada de Igualdade e Benestar Social, Sandra Bastos Míguez, acompañada polo subdirector da UNED en Pontevedra, Alfonso Vázquez Reboredo; o coordinador de Extensión Universitaria, Rafael Cotelo Pazos; e o pedagogo e relator do curso, Javier Mingorance.
O curso está dirixido por María Acracia Núñez Martínez, profesora titular de Dereito Constitucional de UNED.
Intervirán como relatoras María José Garrido Antón, comandante, xefe de área na Secretaría de Estado de Seguridade (SES) do Ministerio do Interior, doutora en Psicoloxía, máster en Ciencias Forenses da Universidade Autónoma de Madrid, experta en Criminoloxía (UNED), Criminal Profiling e VioGen e autora en 2011 da "Guía primeiros auxilios psicolóxicos en violencia de xénero".
Outro dos relatores será Javier Mingorance, pedagogo, mediador inscrito no Rexistro de Mediadores do Ministerio de Xustiza de España, mediador habilitado polo Departament de Xustiza da Generalitat de Catalunya, experto en prevención da violencia contra as mulleres e máster Internacional Universitario de Seguridade en OCTY pola CEU San Pablo Máster Oficial Universitario en Criminoloxía.
A terceira relatora en intervir neste curso será Belén Romero Sáez, profesora-titora de UNED Pontevedra, avogada especialista en Dereito Civil, Dereito de Familia, Dereito Administrativo e Dereito Penal.
Este curso está especialmente dirixido a empregados públicos interesados en implementar políticas de igualdade na súa contorna laboral, profesionais do sector privado que desexen adquirir competencias en igualdade de xénero e inclusión social e público en xeral interesado na igualdade de oportunidades e equidad.
Entre os obxectivos deste curso, a iniciativa da Deputación de Pontevedra en colaboración coa UNED, están o promover a igualdade de xénero no ámbito laboral; fomentar unha contorna profesional inclusiva mediante a identificación e eliminación de barreiras que dificultan a equidad de oportunidades entre homes e mulleres; sensibilizar sobre a diversidade e inclusión; capacitar aos participantes para valorar e xestionar positivamente as diferenzas culturais, xeneracionais e de identidade no lugar de traballo; identificar e previr discriminacións; dotar aos asistentes de ferramentas e coñecementos para detectar e combater situacións de discriminación, acoso ou desigualdade no ámbito laboral; deseñar e implementar políticas inclusivas; proporcionar as competencias necesarias para desenvolver estratexias e plans de acción orientados á inclusión e equidad nas organizacións; e fomentar a corresponsabilidade e conciliación; impulsar medidas que permitan equilibrar a vida persoal e profesional, promovendo a corresponsabilidade entre xéneros nas tarefas domésticas e de coidado.
Os alumnos matriculados neste curso poderán acollerse a diversas posibilidades para que o custo lles saia máis barato podendo oscilar a matrícula dos 155 aos 40 euros, en función das circunstancias que concorran no momento de formalizar a súa inscrición e as 75 horas lectivas do curso daranlle dereito a obter 2 créditos ECTS.