O Concello de Pontevedra deberá facer fronte ao pago de ao redor de 1,5 millóns de euros aos propietarios dunha parcela de 741 metros cadrados situada entre a avenida de Vigo e a rúa María Victoria Moreno como consecuencia dunha expropiación por ministerio da lei.
Este procedemento, tamén coñecido como expropiación rogada, permite aos propietarios esixir que a administración adquira e pague uns terreos cando estes quedaron destinados polo plan urbanístico a usos públicos (como zonas verdes, viarias ou equipamentos) e o Concello non executa a expropiación dentro dos prazos previstos pola lexislación urbanística.
A normativa establece que, unha vez transcorridos varios anos desde a aprobación do plan sen que a administración adquira eses terreos, os propietarios poden iniciar este procedemento para reclamar a súa expropiación e o correspondente xustiprezo.
Trátase dun mecanismo concibido para evitar que o solo permaneza indefinidamente bloqueado sen posibilidade de desenvolvemento nin de aproveitamento por parte dos seus titulares.
Neste caso, a resolución obriga ao Concello a asumir o custo da expropiación da parcela, unha contía que deberá incorporarse ás contas municipais e que se suma a outros pagos derivados nos últimos anos de procedementos similares relacionados con terreos afectados polo plan urbanístico.
Tras coñecerse esta resolución, a concelleira do Partido Popular Pepa Pardo criticou a situación e atribuíu o novo desembolso á falta dun plan urbanístico actualizado.
Sostén o PP que as expropiacións por ministerio da lei convertéronse nunha das principais consecuencias económicas da prolongada vixencia do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de 1989, xa que numerosos solos reservados para dotacións públicas permaneceron durante décadas sen desenvolverse nin ser adquiridos pola administración local.
A edil asegurou que a continuidade da PXOM de 1989 está a provocar importantes custos para as arcas municipais e reclamou ao goberno local a aprobación dun novo Plan Xeral que permita planificar o desenvolvemento urbanístico da cidade e evitar novos procedementos deste tipo.
Os populares sosteñen que esta resolución se suma a outras indemnizacións derivadas de expropiacións por ministerio da lei rexistradas nos últimos anos e consideran necesario acelerar a elaboración do novo plan urbanístico para reducir o impacto económico que estes procedementos teñen sobre o orzamento municipal.