Veciños, comerciantes e comunidade educativa coñecen o proxecto para peonalizar Barcelos

Pontevedra
28 de xaneiro 2016

Os principais afectados polos plans do Concello de Pontevedra para a praza de Barcelos coñeceron este mércores todos os detalles do proxecto. Os concelleiros de Mobilidade e Benestar Social, Luís Bará e Carmen Fouces reuníronse con veciños, comerciantes e, de novo, a comunidade educativa, pero apenas acudiron unhas decenas de persoas

Reunión de Bará e Fouces con veciños, comerciantes e comunidade educativa do colexio de Barcelos Mónica Patxot

Os principais afectados polos plans do Concello de Pontevedra para a praza de Barcelos coñeceron este mércores todos os detalles do proxecto, que implica unha peonalización parcial da zona. A noticia xa era coñecida porque os concelleiros de Mobilidade e Benestar Social, Luís Bará e Carmen Fouces, adiantaran os seus plans á comunidade educativa do colexio público de Barcelos, pero, para facer partícipe ao resto da cidadanía, agora reuníronse con veciños, comerciantes e, de novo, a comunidade educativa. 

A reunión convocada por Fouces e Bará citou a todos nunha aula do CEIP Barcelos, pero non espertou toda a curiosidade esperada entre os afectados, senón que apenas acudiron unhas decenas de persoas entre 40 e 50 nos momentos de maior afluencia.  

Os plans municipais pasan por peonalizar unha parte da praza e son unha resposta directa a unha petición previa dos alumnos do colexio. Neste centro pontevedrés non teñen patio de recreo, de modo que esta iniciativa vai encamiñada a que o viario situado xusto diante do centro quede integrado nas instalacións deportivas e poidan usalo como espazo de lecer

A medida non só afectará o colexio, senón que, ao implicar un cambio no sentido da circulación do tráfico e unha peonalización parcial da praza, afecta tamén a veciños, comeriantes e condutores en xeral. A eles é a quen ía fundamentalmente dirixida a reunión deste mércores porque o Concello quere que todos sentan partícipes dos plans. 

O compromiso asumido polo goberno local, é que este ano se poida executar como mínimo a parte frontal do colexio e melloras na rúa Rouca. Xa nunha segunda fase exponse cambiar o lousado actual da praza de Barcelos, así como nas zonas de circulación onde está bastante deteriorado.