VIDEO.- Lores apraza ao venres o orzamento e vincularao a unha moción de confianza se non é aprobado

Pontevedra
19 de decembro 2016
Actualizado: 15:28

O futuro do orzamento municipal para 2017 parece ligado irremediablemente a unha moción de confianza. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, retirou a aprobación das contas da orde do día do pleno, a pesar do malestar da oposición. "O que non vai facer este alcalde é gobernar cun orzamento perpetrado e destrozado pola oposición", sinalou na súa intervención ante un pleno que resultou bastante tenso

Lores anuncia a vinculación do orzamento a unha moción de confianza Mónica Patxot

O futuro do orzamento municipal para 2017 parece ligado irremediablemente a unha moción de confianza. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, retirou a aprobación das contas da orde do día do pleno ao non contar cos apoios suficientes, evitando así que se debatesen as emendas consensuadas pola oposición.

"O que non vai facer este alcalde é gobernar cun orzamento perpetrado e destrozado pola oposición", sinalou Fernández Lores, na súa intervención ante un pleno que resultou bastante tenso.

Apelando ao artigo 197 bis da lei electoral, o alcalde optou por aprazar ao venres o debate. Farase nun pleno extraordinario que se convocará nas próximas horas e nas que só se someterá a votación o orzamento presentado polo BNG. Se non logra ser aprobado, avanzou que presentará unha moción de confianza.

Este trámite supón que, a partir da súa presentación, a oposición terá un mes de prazo para presentar un candidato alternativo a Lores para a Alcaldía -un trámite similar a unha moción de censura-. En caso de non acordar un nome, o orzamento do BNG quedaría automaticamente prorrogado e daríase por outorgada a confianza da corporación.

O alcalde explicou que o goberno municipal "leva meses tentando chegar a un acordo" coa oposición para aprobar o orzamento de 2017 "e non foi posible". Lembrou que, a diferenza das emendas da oposición, as contas do BNG contan con todos os informes favorables dos técnicos municipais presentados "en tempo e forma".

"O que non vai facer este alcalde é gobernar cun orzamento perpetrado e destrozado pola oposición", sinalou Fernández Lores

O orzamento "alternativo" de PP, PSdeG-PSOE, Marea e Cidadáns foi "pactado" a través de emendas "manifestamente ilegais", como así refiren os informes técnicos, o que demostra, segundo Lores, que se trata dunha "evidente chapuza". Ademais, apuntou que ás correccións realizadas non resolveron as irregularidades.

"O fondo da cuestión é que non queren que se faga unha moción de confianza", explicou Lores, porque iso supoñería visualizar, dixo, "que hai un pacto" entre estes catro partidos que forman un "batiburrillo". Así, o alcalde reiterou que "non vou a tolerar que con trampas me impoñan como teño que gobernar".

MALESTAR NA OPOSICIÓN

A decisión de pospoñer o debate e vinculalo eventualmente a unha moción de confianza causou un profundo malestar na oposición, sobre todo ao aclarar o secretario do Pleno que non se debaterán as emendas presentadas, senón o orzamento aprobado polo BNG.