VÍDEO.- O 'Efecto PO2' estrea nova peza audiovisual para mostrar Pontevedra como espazo "san e seguro"

Pontevedra
14 de marzo 2021

O vídeo recolle o proceso de pintado desta frase en once puntos da cidade, cunha pintura especial con base de auga, para facer visible que canto máis se movan as persoas coa enerxía propia máis se contribúe a borrar a pegada do CO2

Vídeo da campaña Efecto PO2

A concellería de Promoción da Cidade continúa coa campaña de comunicación da estratexia Efecto PO2, poñendo o foco na correlación entre o modelo urbano de Pontevedra e a loita contra as emerxencias climática e sanitaria.

No marco desta campaña o departamento que dirixe a edil Anabel Gulías acaba de elaborar un novo vídeo promocional que recolle a acción de rúa que tivo lugar con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente baixo o lema "–CO2 + PO2  Pontevedra espazo público san e seguro".

A peza audiovisual recolle o proceso de pintado desta frase en once puntos da cidade, cunha pintura especial con base de auga, para facer visible que canto máis se movan as persoas coa enerxía propia máis se contribúe a borrar a pegada do CO2.

Os puntos que amenceran o Día Mundial do Medio Ambiente con este lema pintado no pavimento foron a rúa Virxe do Camiño, Rúa Serra, Loureiro Crespo na entrada do Hospital Provincial, contorna de Cruz Vermella, ponte do Burgo, Rosalía de Castro ante a Audiencia Provincial, Praza de España, Gorgullón, Praza da Peregrina, Avenida de Lugo e a rúa Benito Corbal.