VIDEO.- Pensionistas saen á rúa en Pontevedra para reclamar "o que é noso"

Pontevedra
17 de marzo 2018

Tras toda unha vida traballando, os pensionistas de Pontevedra reclamaron este sábado "o que é noso". Centos de persoas secundaron as protestas que, a nivel do todo o Estado, celebráronse para defender o sistema público de pensións e esixir ao Goberno unha subida nas retribucións que lles permita levar unha vida digna

Concentración en Pontevedra en defensa do sistema público de pensións Mónica Patxot

Tras toda unha vida traballando, os pensionistas de Pontevedra reclamaron este sábado "o que é noso". Centos de persoas secundaron as protestas que, a nivel do todo o Estado, celebráronse para defender o sistema público de pensións e esixir ao Goberno unha subida nas retribucións que lles permita levar unha vida digna. 

A concentración, convocada na Boa Vila polo Movemento en Defensa das Pensións (Modepen), foi secundada tamén polos sindicatos Comisións Obreiras e UXT. Xunto a eles, xubilados e xubiladas que encheron a Praza de España para denunciar que coas súas pensións "non se xoga".

Ante un público no que tamén había moita xente nova, a portavoz de Modepen, Victoria Portas, advertiu ao Goberno que "gústelles ou non" seguirán reclamando na rúa a subida das pensións, ao considerar "ridículo" o aumento do 0,25% aplicado polo PP.

Entenden os manifestantes que o estado de benestar está a sufrir un "ataque brutal" por parte do executivo de Mariano Rajoy, ao que acusan de querer "favorecer" os plans privados de pensións.

Ante esta situación, demandan medidas para que se manteña o poder adquisitivo das pensións públicas, restablecer a xubilación ordinaria aos 65 anos ou recoller as pensións como un dereito constitucional e incluílas nos orzamentos xerais do Estado.

Ademais, este movemento pide recuperar o subsidio para maiores de 52 anos ou a xubilación anticipada co 100% de prestación se se cotizaron máis de 40 anos, que desapareza a brecha de xénero nas pensións, que se cumpra a lei de dependencia, elimínese o copago farmacéutico e se restablezan todos os dereitos sanitarios perdidos.

Os pensionistas avisan que non van parar ata que se resolvan estas demandas, especialmente a revalorización das súas prestacións, e lembran que todas as conquistas sociais conseguíronse tras "loitas longas e cheas de dor".