VÍDEO.- Tes dúbidas sobre a compostaxe? A mestra composteira responde

Pontevedra
23 de novembro 2017

Que é a compostaxe? Como compostar? Que botar no composteiro? Preguntamos a unha mestra composteira e resolvemos todas as dúbidas nun vídeo.

Tes dúbidas sobre a compostaxe? A mestra composteira, Mariña Lobelle, responde Mónica Patxot

A compostaxe chegou para quedar. Ás súas vantaxes para a poboación e a contorna súmase un compromiso: cumprir coa normativa europea que obriga a preparar para a reciclaxe máis do 50% dos residuos da bolsa do lixo antes de 2020. Do contrario, haberá sancións.

A veciñanza está a responder de xeito moi positivo na participación nun sistema de xestión dos residuos que axuda a reducir a contaminación, mellora a saúde da terra e das plantas e evita o uso de fertilizantes químicos, ademais de aforrar outros gastos na recollida de lixo. E é que se estima que entre o 40 e o 50% dunha bolsa de lixo doméstico está formado por refugallos orgánicos.

Para solucionar todas as dúbidas sobre este tema, acudimos a un centro de compostaxe comunitaria do Plan Revitaliza da Deputación Provincial de Pontevedra. Mariña Lobelle, a técnica de xestión de residuos e tratamento de biorresiduos para a área de Pontevedra, responde a todas as nosas cuestións no vídeo.

 

QUE É A COMPOSTAXE?

A compostaxe é a maneira de converter os restos de comida e vexetais nun fertilizante natural: o compost. Para compostar, hai que mesturar os residuos orgánicos con restos leñosos e secos de podas, serraduras ou follas (o chamado estruturante).

COMO COMPOSTAR?

1- Separa ben na casa os residuos orgánicos (restos de comida e vexetais)

2- Deposita estes restos orgánicos no módulo de achega do centro de compostaxe comunitaria máis próximo

3- Se levas o teu lixo orgánico nunha bolsa plástica, lembra tirala no colector amarelo

4- Cubre os restos orgánicos coa mesma cantidade de poda triturada que atoparás no caixón do estruturante

5- Pecha a tapa do módulo de achega

QUE BOTAR NO COMPOSTEIRO?

Pódense botar restos de comida crúa ou cociñada, froitas, verduras, cascas de ovos, mariscos, froitos secos, restos de xardín, pousos de café e restos de infusións, filtros e panos de papel (sen tinta), la en bruto, cortes de pelo...

Non se poden botar ao composteiro materiais sintéticos ou químicos nin aqueles que non sexan biodegradables (vidro, metal, plástico, bricks), aglomerados de madeira, deterxentes, medicamentos, roupa, cabichas de tabaco, cueiros de bebés...