Vilagarcía reclama un sistema de alerta inmediata ante episodios de contaminación nas praias

O Salnés
24 de xuño 2026

O obxectivo é que os concellos poidan adoptar medidas preventivas de maneira áxil e eficaz, evitando tanto riscos para a saúde pública como peches tardíos dos areais

Praia do Preguntoiro Visit Vilagarcía

O Concello de Vilagarcía de Arousa trasladará á Xunta de Galicia a necesidade de implantar un sistema de alerta inmediata que permita informar ás administracións locais da detección de episodios de contaminación nas praias en tempo real.

O obxectivo é que os concellos poidan adoptar medidas preventivas de maneira áxil e eficaz, evitando tanto riscos para a saúde pública como peches tardíos dos areais.

A petición xorde tras o peche da praia do Preguntoiro, decidido este martes polo goberno local despois de recibir unha comunicación da Consellería de Sanidade na que se advertía da presenza de niveis de E.coli superiores aos permitidos.

A incidencia fora detectada nunha mostra recollida o pasado 16 de xuño, é dicir, unha semana antes de que a información chegase ao Concello.

Ademais, segundo sinala o executivo municipal, aínda non se coñecen os resultados da contraanálise que debería terse realizado nos días posteriores.

Desde Ravella consideran que a actual demora nos procedementos resta eficacia ás actuacións preventivas.

O goberno local sostén que a cidadanía permanece exposta durante os días nos que realmente sería necesario adoptar precaucións, mentres que os peches se producen cando, en moitos casos, a calidade da auga xa se recuperou.

Por iso, propoñen un mecanismo semellante aos utilizados noutras situacións de emerxencia, baseado no envío de avisos instantáneos por SMS ás alcaldías ou ás autoridades competentes para actuar con rapidez ante posibles riscos sanitarios.

Seis servizos de temporada nos areais

Por outra banda, as praias do municipio contarán este verán con seis servizos de temporada autorizados en terreos de dominio público marítimo-terrestre. As concesións foron aprobadas polo Concello e polo Servizo do Litoral da Consellería de Medio Ambiente en función dos correspondentes plans de explotación.

As praias da Concha-Compostela concentrarán a maior parte da oferta, con cinco instalacións: dous quioscos-terraza dedicados á venda de comida e bebidas, dúas casetas de xeados e un punto de aluguer de embarcacións a pedais, hamacas e parasoles. O sexto servizo situarase na praia do Campanario, en Bamio, tamén cunha caseta de xeados.

O Concello autorizou tres destas concesións, mentres que o emprazamento previsto na praia das Saíñas, en Vilaxoán, quedou finalmente deserto ao non presentarse ningunha solicitude. As outras tres autorizacións corresponden a concesións autorizadas en anos anteriores polo antigo servizo de Costas e que continúan vixentes tras a aprobación do Servizo do Litoral.

A esta oferta súmase o quiosco-bar do parque da Compostela, de titularidade municipal e explotado mediante concesión directa.