Así se vivía en Pontevedra o cero absoluto

Pontevedra
29 de abril 2025
Actualizado: 10:03

Os centros de saúde traballaron baixo mínimos durante a xornada e as estacións de tren e de autobuses de Pontevedra convertéronse nun escenario de incerteza ante a presenza de numerosos viaxeiros que pretendían volver ás súas casas

Grupo de persoas arredor dunha radio a pilas na rúa Marquesa ante a falta de luz PontevedraViva

A preocupación este luns 28 con motivo do apagamento xeneralizado rexistrábase nos primeiros minutos nos puntos principais de transporte.

A estación de trens presentaba unha imaxe de incerteza, as persoas sentaban no chan ou agardaban de pé, en tensión, algunha novidade en relación con alternativas para o seu transporte.

Unha responsable de ADIF comentaba a PontevedraViva que ás 13.00 horas non había xa movemento ferroviario. Un dos trens, procedente de Vigo, atopábase parado en Redondela, mentres que o procedente da Coruña tamén se atopaba paralizado en metade do traxecto.

Minutos máis tarde chegaban dous axentes da Policía Nacional para coñecer de primeira man en que situación permanecía a estación e o tráfico ferroviario.

Un dos axentes atendía un mozo que lideraba a un grupo de Donosti que viñera de turismo. O mozo mostraba a súa preocupación xa que non tiñan diñeiro en papel e, por tanto, non sabían como poderían facer para comer. O axente indicou que se trataba dunha situación de "emerxencia" e isto é unha cuestión de "humanidade". "Entendo que ningún supermercado vai negarvos comida se a pedides, se van ter que tirar moitos produtos se esta situación se mantén no tempo", tranquilizaba o axente.

Debido á demanda de moitas persoas preocupadas polo escenario, o axente sinalaba que non podía dar explicacións sobre o que estaba a pasar. "A todos colleunos por sorpresa", comentaba. "Eu xa me tiven que cambiar de camisa tres veces esta mañá porque non pairamos de ir dun punto a outro para atender todas as demandas cidadás", indicaba ante a petición de datos sobre o apagamento por parte das persoas que se atopaban na estación.

Persoas na estación de trens de Pontevedra na apagadaPontevedraViva

Como consecuencia da falta de actividade ferroviaria, moitos viaxeiros decidiron trasladarse ata a estación de autobuses, alí amoreábanse máis de setenta persoas na plataforma esperando a chegada dun autobús. O responsable de Monbus, Javier Lorenzo, na estación indicaba que non se suspendeu ningunha viaxe e que o seu obxectivo era reforzar o transporte. "Queremos levar a todas as persoas ás súas casas", manifestaba, preocupado ante a incidencia. "Primeiro daremos acceso ás persoas con emerxencias. Hai unha doutora de Urxencias que ten que desprazarse a Vigo para traballar e terá que ser das primeiras en subir ao autobús", apuntaba.

Ante a caída do sistema informático, no despacho de billetes indicábase que o pago da viaxe debía facerse no autobús, pero nos autobuses tampouco funcionaba o sistema de lectura de dispositivos TPV. Unha viaxeira dicía: "eu non levo diñeiro enriba, dixéronme que co móbil podía pagar en todos os sitios e mira ti…".

Desde Monbus sinalaban que a intención era permitir a entrada a todas as persoas que o precisasen aínda que non puidesen pagar. Explicaban tamén que estaban a tentar contactar con varios condutores para incrementar a flota que puidese atender a demanda de viaxeiros con destino Vigo e A Coruña. Desta forma, un autobús de transporte escolar encheuse inmediatamente para viaxar a Vigo por estrada.

Persoas tentando acceder ao autobúsPontevedraViva

Entre os viaxeiros non paraba a preocupación sobre a falta de comunicación con familiares debido a caída do sistema telefónico e de internet e a pregunta flotaba en todos os grupos que se ían formando á espera do autobús que os levase ao seu destino: pero que está a pasar?

No centro de saúde da Parda, a situación era de calma durante as primeiras horas da tarde. Dúas traballadoras de administración sinalaban que os pacientes foran moi comprensibles e xa decidiran non acudir ás consultas: "só unha parella que acudiu á PAC e unha consulta en pediatría", explicaban. "É lóxico, son conscientes de que moito non podemos facer", argumentaban ao non existir acceso á historia clínica nin ao sistema de xestión informático.

Nesta situación, os centros de saúde non poden emitir receita electrónica e só, en caso de urxencia, ofrecen receitas en papel para acudir a por un medicamento na farmacia.

Centro de saúde da Parda na tarde da apagadaPontevedraViva

Tamén o centro de saúde Virxe Peregrina mantiña a actividade baixo mínimos. Segundo indicaba o persoal durante a xornada se atenderon aqueles casos nos que non era necesario consultar o historial clínico.

Na gasolineira da avenida de Lugo, numerosos vehículos tentaban encher os depósitos. Os empregados informaban aos condutores que non era posible. "Por culpa do corte eléctrico, non funciona o servidor e non podemos atender. Esperemos que se resolva pronto", expuñan.

Turismos na procura de combustiblePontevedraViva

Algúns dos supermercados da cidade funcionaban utilizando un xerador propio. Os clientes falaban na entrada: hai que coller pilas, velas e latas. Tamén os establecementos de bazar atopáronse cunha numerosa presenza de clientes que, principalmente, requirían ese tipo de produtos: lanternas e pilas para facer fronte á noite.

Os caixeiros automáticos atopábanse inactivos e as entidades financeiras tamén pecharon as súas portas no seu horario habitual, evitando a opción de que as persoas interesadas puidesen retirar diñeiro en efectivo.

Numerosos portais atopábanse coas portas abertas e unha cuña que impedía o peche, do mesmo xeito que os garaxes de apertura mecánica tamén se atopaban abertos para permitir a entrada e saída de vehículos ao longo da xornada.

Na rúa Marquesa, un grupo de persoas reuníanse ao redor dunha radio para escoitar música e os diferentes parques infantís da cidade contaban con moitísima actividade aproveitando a xornada de calor abafante.