O Concello de Poio quere despedir o verán ao grande e dar a benvida ao novo curso escolar por todo o alto.
Con este obxectivo están a organizar unha gran festa infantil para este venres 5 de setembro, a partir das 18:00 horas, na Praza da Reiboa, na Seca.
A xornada promete ser inesquecible: pos de cores ao estilo Holi, inchables para todas as idades, obradoiros de manualidades.
Tamén haberá animación musical a cargo de Javi Solla, que porá ritmo e bo rollo a unha tarde pensada para que ninguén quede sen sorrir.
"Queremos que a volta ao cole sexa tan especial como o foi o verán", afirmou este luns durante a presentación o alcalde, Ángel Moldes, quen convida a todas as familias a participar nunha cita que, tras dúas exitosas edicións, xa se converteu nunha tradición moi esperada.
Desde o Concello confían en repetir o éxito de anos anteriores.
Moldes lembrou que desde o principio esta actividade espertou "moitísimo interese e participación" entre as familias do municipio e, por iso, este venres agardan revivir esa experiencia e que tanto pequenos como maiores gocen dunha tarde especial.