Xa se poden pedir permisos para as fogueiras da noite de San Xoán

O Salnés
03 de xuño 2024

En Vilagarcía, debido aos traballos de rexeneración que está a levar cabo Costas, este ano non se permitirán fogueiras nas praias da Concha-Compostela

Fogueira de San Xoán Concello de Vilagarcía

As persoas e colectivos interesados en festexar as noites de San Xoán e San Pedro coas tradicionais cachadas xa poden solicitar os preceptivos permisos ante o Concello de Vilagarcía

A administración local vén de publicar o bando no que se especifica o trámite a realizar, así como os requisitos e normas de seguridade a cumprir, tanto nas fogueiras como nas grelladas a celebrar en vía pública por parte de establecementos hostaleiros.

A novidade é que, debido aos traballos de rexeneración medioambiental que está executando Costas, este ano non se poderán realizar cachadas nas praias da Concha - Compostela.

Os permisos deberán solicitarse antes do 18 de xuño e as listas coas autorizacións publicarase a partir das 14.30 horas do 21 de xuño no taboleiro de anuncios da web e da sede electrónica do Concello, onde tamén se atopan os formularios de solicitude. O trámite pode realizar se de forma telemática.

Aquelas cachadas ou grelladas que non fosen autorizadas ou para as que non se presentase solicitude previa non poderán levarse a cabo, quedando encargados os servizos municipais de impedir o seu desenvolvemento

O bando informa dos requisitos de obrigado cumprimento por parte dos organizadores das cachadas e cos que se pretende garantir a seguridade nas celebracións.

Efectivos do Servizo Municipal de Emerxencias e da Policía inspeccionarán as fogueiras que obteñan permiso a efectos de verificar o cumprimento destas normas.