Xogos na rúa converte o barrio da Moureira no escenario da procura dun tesouro

Pontevedra
27 de novembro 2022

Unha xincana inter-barrios e un Escape de barrio, no mes de novembro, pechan a programación deste ano

Xogos na rúa no barrio da Moureira Concello de Pontevedra

A Moureira foi na tarde deste sábado, 26 de novembro, escenario dunha divertida aventura. A nova cita de Xogos na Rúa retou os nenos e maiores (ás familias participantes) a atopar un tesouro agochado no antigo barrio mariñeiro da cidade, berce de xente brava e traballadora vencellada ao mar, mais tamén dalgún pirata como o afamado Benito Soto. 

A partir das 17.00 horas os participantes tiveron por diante un máximo de dúas horas para acadar o obxectivo. Un mapa, probas e pistas axudounos nun percorrido, no que a diversión estivo asegurada.

Xogos Na Rúa Efecto PO2 son unhas xornadas lúdicas - promovidas pola Concellería de Promoción da Cidade, dirixida por Anabel Gulías- que convidan ás familias a ocupar distintas rúas e prazas da cidade co dobre obxectivo de converter o espazo público nun punto de encontro lúdico e interxeracional no que compartir xogos, risas e diversión e, por outra banda, nun escenario ideal para estreitar lazos de amizade, xerar empatía e solidariedade entre a veciñanza e construír barrio.

DÚAS PROPOSTAS MÁIS ANTES DE FIN DE ANO

Ao 2022 aínda lle queda un mes por diante e aos Xogos na Rúa dúas citas máis antes do remate do ano - o 11 e 27 de decembro-, nas poderán participar, como sempre, familias ou grupos de amizades cando menos cun neno maior de 3 anos e menor de 12 anos e unha persoa adulta ao cargo (nai, pai, curmán, avoa, irmán maior,...). É recomendable que o equipo teña un mínimo de 3 persoas, co fin de que poidan participar dun xeito activo en todas as propostas.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora