Como cada 8 de decembro, día da Inmaculada Concepción, a base cuartel da Brilat en Figueirido vestiu de celebración para conmemorar á patroa de Infantería.
Fíxoo en todo caso cunha xornada de festa especial, na que na memoria de todos os presentes, militares e civís, estaba o recordo ás tropas da Brigada Brilat Galicia VII despregadas nestes momentos en Líbano e Mali.
Este despregamento fixo que o número de participantes na tradicional parada militar descendese con respecto a ocasións anteriores ata os aproximadamente 900 militares, acompañados de familiares, amigos e altos cargos.
Presidiu a celebración o xeneral de División D. José Rodriguez García, xeneral director de Persoal do Exercito de Terra (DIPE), en ausencia do xeral xefe da Brilat, Antonio Romero, despregado en Líbano. Por ese motivo o encargado de dirixirse aos presentes foi o coronel Pedro Sánchez Herráez, xefe accidental na Base Xeneral Morillo.
Tras o acto, o propio coronel recoñeceu que "en estos momentos parte de la unidad y de nuestro corazón y nuestro alma está desplegado fuera de España", polo que "es mucho más emotivo todo". Sánchez Herráez asegurou ademais que "la misión está yendo bien" no mes escaso desde que se iniciou, sinalando que "en estos momentos es la toma de contacto con el entorno, la cohesión de la unidad", un paso importante xa que "por ejemplo en Líbano hay contingentes de varios países dirigidos por la Brigada España".
Neste país, Líbano, a Brilat despregou 650 efectivos xunto a continxentes da India, Nepal, Indonesia, Serbia, O Salvador, Brasil e China nunha misión da Forza Interina de Nacións Unidas para o Líbano (UNIFIL, polas súas siglas en inglés) que ten como cometido vixiar o cesamento de hostilidades entre Hezbollah e Israel e acompañar e asistir ás forzas armadas libanesas no sur do país e ao longo da separación entre ambos os países denominada Liña Azul. Tamén garantir o acceso humanitario ás poboacións civís e o regreso voluntario e seguro das persoas desprazadas.
Pola súa banda en Mali atópanse 200 militares co obxectivo de formar ao exército deste país.
Volvendo aos actos de celebración da Inmaculada Concepción, contaron coa habitual homenaxe aos compañeiros caídos e tamén coa entrega de condecoracións militares, 24 nesta ocasión, entre as que destacou unha condecoración especial de bronce ao mérito deportivo para a soldado Paula Santos Roa pola súa participación no Campionato Mundial Militar na modalidade de péntatlon.