Xunta e Deputación estudan crear unha comisión para a transferencia do Príncipe Felipe

Pontevedra
21 de xaneiro 2020

A Deputación de Pontevedra iniciou os contactos para avanzar na transferencia daqueles servizos que actualmente presta de forma impropia, xa que son competencia exclusiva da Xunta. O primeiro centro que está sobre a mesa foi o centro de menores Príncipe Felipe

Centro Infantil Príncipe Felipe Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra iniciou os contactos para avanzar na transferencia daqueles servizos que actualmente presta de forma impropia, xa que son competencia exclusiva da Xunta. O primeiro centro que está sobre a mesa é o centro de menores Príncipe Felipe.

Nunha xuntanza en Santiago coa directora xeral de Familia, María Amparo González, a deputada Noemí Outeda e o director do centro, Manuel García, propuxeron crear unha comisión técnica que estude, avalíe e avance prazos e recursos dunha hipotética transferencia

A responsable autonómica, segundo comunicou a Deputación, aceptou trasladar esta proposta á conselleira de Política Social, Fabiola García. "Non entenderíamos que se rexeitase polo goberno galego", sinalou a deputada provincial.

Mentres a transferencia non sexa unha realidade, ambas partes acordaron comezar a falar de xeito inmediato da renovación do próximo convenio do centro de atención de menores.

Para iso, a Deputación instou á directora xeral de Familia á elaboración dun calendario de costes co fin de incrementar a aportación económica que fai a Xunta de Galicia para a atención dos menores de Príncipe Felipe e igualar as cantidades que destina a menores doutros centros.

Outeda explicou que se trata, en definitiva, de rematar coa "discriminación actual" que supón que a Consellería de Política Social estea a pagar catro veces menos pola atención a cada menor atendido en Príncipe Felipe en comparación co que aporta pola atención a menores que están en centros privados galegos.

Ademais, tamén solicitarán un encontro coa conselleira de Educación, Carmen Pomar, para analizar a situación do resto dos centros educativos que actualmente se atopan na cidade infantil e que, igualmente, son de competencia directa da Xunta de Galicia.

Así, queren iniciar as conversacións cara o próximo convenio a fin de abordar a situación das edificacións, algunhas con deterioro severo e con urxente necesidade de investimentos. A Deputación quere abordar con Educación a formalización dun protocolo de actuación entre ambas as dúas institucións.

Este diálogo estenderase, segundo a Deputación, ao resto das consellerías que estarían implicadas nestas transferencias, nas que o goberno provincial inclúe tamén a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, a Finca de Mouriscade, a Escola de Cantería e a Escola de Enfermería, aínda que neste caso a negociación sería coa Universidade de Vigo.