A Xunta comprométese a estudar a recuperación da unidade de Educación Infantil do CEIP San Clemente

Umia
20 de maio 2025

A decisión foi comunicada polo director xeral de Centros nunha xuntanza en Santiago

Cadea humana en defensa do CEIP San Clemente de Caldas

A comunidade educativa do CEIP San Clemente vén de comunicar que o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Jesús Manuel Álvarez Bértolo, comprometeuse cos seus representantes a estudar a posibilidade de recuperar a unidade de Educación Infantil suprimida a principio deste curso por un erro administrativo.

Trala reunión, de dúas horas de duración, na sede da Consellería en San Caetano, Álvarez Bértolo manifestou a súa disposición a volver a estudar a situación e tratala co conselleiro, Román Rodríguez.

Estas mesmas fontes destacan que o director xeral "non ofreceu ningunha data para a toma desta decisión".

No encontro tomaron parte a directora do centro, dous representantes da ANPA e unha do Consello Escolar, así como o voceiro e representantes do grupo municipal do PP en Caldas de Reis.

As familias celebrarán agora unha asemblea para tomar coñecemento do contido da reunión e decidir novos movementos.

A vindeira acción "festivo-reivindicativa" terá lugar xa este mesmo xoves, coincidindo coa conmemoración de Santa Rita.

A terceira unidade de Infantil foi suprimida no inicio deste curso, debido ao que se presentou como un "erro administrativo" ao contabilizar o número de matrículas. Porén, en lugar de corrixilo e repoñer a situación inicial, desde a comunidade educativa explican que Educación optou por "poñer un parche, unha profesora do Plan MEGA, e condicionar a reapertura da unidade á consecución de matrícula suficiente para o curso 2025-2026. 

Chegado o prazo de matrícula, o colexio contaba con 11 solicitudes. A comunidade educativa indica que a consellería, "en lugar de cumprir o seu compromiso", decidiu deixar fóra a dous dos nenos. O seu argumento era, precisamente, "que non existía esa terceira unidade de Infantil onde poder inscribilos".

Ante o que consideran unha "inxustiza", e despois de recoller máis de 1.500 sinaturas en defensa da unidade, as familias mobilizáronse.