A Xunta acaba de culminar a renovación integral da estrada PO-234, un eixo fundamental que une os municipios de Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade.
Este xoves, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e os alcaldes de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, visitou o último tramo posto en servizo, entre Laxoso e o cruzamento de Portasouto. Son 1,5 quilómetros de mellora nos que se investiu un millón de euros.
Durante a visita, Allegue destacou que esta actuación "transformou por completo a estrada", e lembrou que o investimento total nesta vía ascende a 2,3 millóns de euros.
A renovación levou a cabo por fases: o primeiro tramo completouse en 2018 no municipio de Cerdedo-Cotobade, e o segundo en 2020, en Ponte Caldelas.
En total, case 7 quilómetros de estrada renovados nos últimos anos grazas a unha planificación graduada e eficiente.
A mellora foi profunda: ampliouse a calzada até os 7 metros de ancho, melloráronse interseccións, suavizáronse curvas perigosas e renovouse a sinalización. Ademais, construíronse senllas peonís en Laxoso e Augasantas, sumando preto dun quilómetro de percorrido seguro para os veciños.
A conselleira subliñou o compromiso da Xunta coa mellora das infraestruturas viarias, non só con novas obras, senón tamén cun mantemento continuo.
"Planificamos, investimos e executamos para seguir vertebrando Galicia", afirmou, deixando claro que se seguirá apostando por unha rede de estradas funcional, cómoda e, sobre todo, segura.