A zona gastronómica do Mercado suma catro novos negocios

Pontevedra
23 de xullo 2026

O Concello adxudica catro locais do espazo gastronómico do Mercado de Abastos coa vista posta na súa apertura en outubro

Postos pechados no gastroespazo do mercado de abastos

A Xunta de Goberno Local do Concello de Pontevedra aprobou este xoves a proposta definitiva de concesión de catro espazos do primeiro andar do Mercado de Abastos, destinados á zona gastronómica.

O acordo supón un novo avance no proceso de revitalización destas instalacións, co obxectivo de reforzar a actividade comercial da Praza e atraer novas propostas de restauración.

Segundo explicou a tenente de alcalde, Eva Vilaverde, os locais foron adxudicados tras o proceso de licitación pública a catro iniciativas con ofertas gastronómicas diferenciadas.

Un dos postos será ocupado por Daniela Luciana Taber, que apostará por unha sandwichería artesanal especializada en focaccias e nunha proposta que combina receitas galegas e arxentinas.

Pola súa banda, Hotel Casa Román SL instalará un negocio centrado na elaboración de pizzas artesás con masas de longa fermentación inspiradas no tradicional pan de bóla galego.

A oferta completarase coa apertura dun bar xestionado por Marta Santiago Coroso, promotora da marca A Fervella, mentres que Tierra de Alebrijes SL trasladará ao mercado o seu proxecto de gastronomía mexicana tradicional, ocupando o espazo dobre que anteriormente utilizaba A Fervella.

As concesións terán unha duración inicial dun ano, coa posibilidade de dúas prórrogas anuais ata alcanzar un máximo de tres exercicios.

Unha vez formalizada a adxudicación, os concesionarios disporán dun prazo de tres meses para acondicionar os locais, polo que a previsión do goberno local é que todos os establecementos poidan abrir as súas portas ao longo do mes de outubro.

Durante o proceso de licitación tamén se presentaron outras propostas que finalmente non prosperaron. Unha delas foi rexeitada por rexistrarse fóra de prazo e outras dúas quedaron excluídas por non cumprir cos requisitos documentais establecidos nas bases.

O Concello non dá por pechado o proceso de ocupación do espazo gastronómico, xa que aínda permanecen locais vacantes. Neste sentido, Vilaverde anunciou que a concelleira de Mercados, Anabel Gulías, presentará proximamente unha nova convocatoria para a súa concesión, con pregos adaptados para favorecer a incorporación doutros modelos de negocio que contribúan a completar a oferta e consolidar a recuperación da actividade no Mercado de Abastos.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora