Ramiro Espiño
O ruído e as noces
"Moito ruído e poucas noces". Unha expresión ou dito popular utilizada frecuentemente polos españois, se ben a súa orixe se debe á obra de William Shakespeare "Much Ado About Nothing", logo levada ao cine adaptada e dirixida por Kenneth Branagh. Trátase dunha comedia romántica, que nada ten que ver coa utilización posterior que lle damos para referirnos a algo.
Pero a pesar dese antecedente británico, en España explícase a súa procedencia en algo sucedido case nas mesmas datas que a citada obra, a finais do século XVI, concretamente, segundo conta o conde de Clonard, en 1597, cando as tropas españolas tomaron a cidade de Amiens grazas a un engano urdido polo capitán Hernán Tello de Portocarrero, que vestiu de labradores a dezaseis dos seus soldados que falaban moi ben en francés.
Estes homes penetraron na cidade provistos de sacos de noces, cestos de mazás e un carro de feo. Apenas entraron na cidade, un dos soldados deixou caer voluntariamente un dos sacos de noces, o que moveu os soldados franceses a recoller as noces do piso. Esta situación permitiu aos españois que sacaran as súas armas da carreta de feo e así reducir as tropas locais para permitir o ingreso dunha columna invasora.
Posteriormente, os franceses recobraron a praza, pero a astucia do estrataxema terían dado orixe ao dito ser máis o ruído que as noces.
Con correr do tempo, a frase pasou a ser parte do uso popular, como manifestación de esaxerada demostración dun feito que non ten tanta transcendencia. ÿ dicir, que a pesar de haber un grande alboroto ou revolución, ao final non hai ningún resultado real nin positivo, se fai moito ruído pero ao final queda en nada, todo é artificio.
Feita esta introdución histórica (ou non, vaia saber vostede), apliquemos o conto á situación actual do Pontevedra. Inmerso dende hai tempo en algo parecido (moito ruído, pero poucas noces) dende hoxe pasa a ter ambas as dúas cousas: ruído e noces.
Porque se se para un a pensar, o sucedido foi moi parecido. Déixanse caer unhas noces, faise bastante ruído, e cando algúns que se postulaban queren decatarse, pilláronos co carriño do xeado (e non é a primeira vez).
Onte domingo, en Portugalete, os xogadores, o corpo técnico, achegaron "noces". Xeraron unha ilusión como hai moito tempo non se respiraba en torno ao equipo granate. Falouse de fútbol.
Hoxe luns, en Pasarón, anunciouse ter cuberto a ampliación de capital necesaria para sacar á entidade da causa de disolución na que estaba inmersa, saneando a súa situación económica (ou iso cabe esperar), confiemos en que de forma definitiva. Fíxose "ruído".
Era o mellor momento para ese anuncio, facendo sombra dalgún xeito ao éxito deportivo e ao que está por vir? Pode que non. Quizais, non o sei, deberíase ter esperado. Manter a noticia nunha prudente neveira para non desviar a atención. Non facer máis ruído que o estritamente deportivo
Outra cousa é que as "noces" (o diñeiro achegado) son sempre benvidas, especialmente porque se necesitaban para "comer", pero o "ruído" non chega no mellor momento, cando toda a atención é pouca para que o deportivo sexa o eixe único de todos os granates.
Pero como a situación é a que é, eu atreveríame a pedir aos que fixeron o "ruído", pero tamén achegaron as "noces" (ou sexa, ao seu "capitán Hernán Tello de Portocarrero"), que dende agora mesmo intenten unir tamén os pedaciños dispersos do granatismo e non desaproveiten a ilusión que conseguiu xerar o equipo para devolver ao club o prestixio e a categoría perdida.
Aos outros, aos que sen deixar de facer "ruído" non souberon, non quixeron ou non puideron achegar "noces", que poñan da súa parte o que corresponda para rematar coas loitas "cainitas", e dunha vez por todas se reme nunha sóla dirección.
E outra petición, esta para todos. Nacida dende o amor e a paixón que moitos sentimos polo Pontevedra CF: que a partir de agora mesmo haxa "noces" e se deixe de facer "ruído".