Andaríns do Val do Lérez
Andoriña
Hirundo rustica
Golondrina común
Descrición: Ave delicada, grácil e aerodinámica, de cor negra con reflexos azuis metálicos por riba e brancos crema na parte inferior. Ten a fronte e gorxa vermella e un colar negro. As ás, longas e en punta. A cola, moi longa e gallada, é de cor negra, con pequenos círculos brancos cando a estende. Posúe patas curtas sen emplumar, boca moi ancha, e pico curto plano e negro. Lonxitude (18 cm), envergadura (33 cm).
Canto agradable, con unha apresurada mestura de trinos durante o voo. Soe cazar en voo a baixa altura e pendurarse nos cables.
Niños: Adoita nidificar en construcións tanto campestres coma urbanas, como cortes, patios, terrazas, aleiros ou beirados das vivendas. Utilizando tódolos anos o mesmo lugar para nidificar. De feito, hai uns poucos anos podíanse ver en moitas casas as súas construción que foron pouco a pouco destruídas.
Os niños son construcións de barro en forma de cunca aberta.
Alimentación: Dieta insectívora, composta por gran numero de moscas e mosquitos, tamén caza formigas voadoras, avespas, chinches e pequenos escaravellos. A captura faina en voos acrobáticos de persecución, ás veces en pequenos grupos, a baixa altura e non lonxe do niño.
Ameazas: Aínda que non é unha especie ameazada si se esta a notar unha diminución de parellas entre nós. Os principais problemas que están a padecer as andoriñas son o uso indiscriminado de plaguicidas, que reducen a cantidade de insectos, dos que se alimentan; a eliminación deliberada de niños coa escusa de que ensucian e a dificultade para nidificar en novas construcións rurais, tamén o abandono do espazo rural, coa conseguinte ruína de moitas edificacións.
Aparece como "De especial interés" no Catálogo Nacional de Especies Ameazadas.
Esta ave e migradora e estival pasando o inverno no golfo de guinea, volvendo entre nós polo mes de abril.
Traballo feito por Juan Ramón e Amancio Castro da Asociación Andaríns do Val do Lérez.