Andaríns do Val do Lérez
Carabus (Ctenocarabus) galicianus Gory. Cárabo galego
Carabus (Ctenocarabus) galicianus Gory.
Cárabo galego.
O Cárabo galego. (Carabus (Ctenocarabus) galicianus Gory). E endémico de Galicia de 20mm a 28mm.
Este escaravello depredador, é facilmente recoñecible por ter os fémures de cor laranxa que contrasta co corpo acanalado de cor azul tirando mais o negro, sendo os machos un pouco máis pequenos cas femias.
Pertence á familia dos carábidos, un gran grupo de escaravellos(coleópteros) que se caracterizan por ser habitantes do chan, aínda que teñen ás, cústalles voar, e son principalmente depredadores doutros insectos.
Esta xoia biolóxica é especial. ÿ capaz de mergullarse na auga, utilizando este recurso para escapar dalgunha ameaza, ou mesmo e capaz de atrapar algunha das súas presas baixo a auga.
Ademais de buscar refuxio dentro da auga tamén o fai debaixo das pedras ou entre o musgo húmido. Podémolo atopar baixo as pedras parcialmente somerxidas dentro da canle das correntes de auga.
A súa querenza polos cursos de auga cristalinos convérteno nun indicador da pureza da auga. Isto débese a que se trata dunha especie altamente sensible á contaminación das augas e a alteración do hábitat das beiras dos ríos e do bosque de ribeira, bosques alterados pola proliferación de eucaliptos, robinias, acacias ou mimosas que están a invadir completamente as ribeiras dos ríos alterando tamén o chan e o substrato onde viven se agochan e cazan,tanto o Cárabo coma outros insectos.
Isto faino vulnerábel, e debido a restrinxida área de distribución sitúano no Libro Rojo de los Invertebrados de España como especie vulnerábel. Si a isto engadimos que os nosos ríos e regatos están a ser alterados pola contaminación, entendemos que se vexa relegado a cursos de auga de montaña onde a auga adoita estar mais limpa.
Gusta de lugares sombrizos e de moita vexetación, con pequenas praias de area a carón do río, que é onde poñen os ovos, dos que nacen posteriormente as larvas que son alargadas e escuras xa coas patas desenroladas e fortes mandíbulas. Pode reproducirse tres ou catro veces o ano. Este número de xeracións débese a unha temperá actividade dende principios de marzo, prologándose ata outubro, mes no que hibernan tanto as larvas como os adultos.
A súa alimentación centrase en larvas e moluscos acuáticos, sendo grandes devoradores de típulas, pequenas lesmas, miñocas ou larvas doutros animais.
Traballo feito por Juan Ramón e Amancio Castro da Asociación Andaríns do Val do Lérez.