Teresa Casal
A educación recibida
Retúmbanme na cachola as verbas do ministro Gallardón quen, non satisfeito con insultar os xuíces, fiscais, funcionarios e españolilños en xeral, ditou unha sentencia que sona a ultratumba: "A veces, gobernar es repartir dolor". Lembroume aquilo de "quen ben te quere, farate chorar" que se dicía moito antes e é moi propio da educación nacional católica que moitos, Gallardón está claro que tamén, recibimos.
Pasaron ante meus ollos e oídos todo aquilo de "este mundo é un val de lágrimas" o camiño a felicidade eterna é estreito e cheo de espiñas Pero despois, canto mais sufras neste mundo, terás a túa recompensa no outro.
Pero vamos a ver Sr. Gallardon, vostede non escoitou o seu xefe Mariano cando, non hai tanto tempo, dixo que él nos traía a felicidade? Faga memoria, dixóo nun mitin e as súas verbas foron, mais ou menos: Cando viña para aquí, unha señora paroume e díxome "Mariano devólvenos a felicidade" e el díxolle, non se preocupe ese será o meu máximo empeño, facer felices a todos os españois. E falaba de felicidade aquí, neste mundo, non no outro que semella que é ao que mira o ministro.
Eu quero dicirlles os dous e ao do sorriso vampírico, e ao gargallante De Guindos (De que se rirá tanto este home?) e a rocieira Báñez, e a invisible Mato que a xente de a pé deste pais quere ser minimamente feliz, poder vivir digna e modestamente, non precisamos chales de luxo, nin iates opulentos, nin sequera manexar billetes de 500 . Queremos chegar a fin de mes, poder pagar a hipoteca, mercar xoguetes os nenos, co noso traballo, co noso esforzo, sen que ninguén nos agasalle nada, pero tampouco nos estafen todos os días e, sobre todo elo, queremos que ese cartos que acaban de vir de Europa non sexan para botar mais traballadores ó paro ou pagar os bancos alemáns, senón para dar crédito os pequenos comerciantes, para que poidan manter os seus negocios e empregados, para dar un pouco de aire as familias e poidan levar unha miguiña de ledicia as súas casas.
Volvendo a educación recibida, lles lembraría a todos os que nos gobernan a "Santa indignación" que Xesús sentiu cando atopou os mercaderes no templo en emprendeuna a golpes con todos eles. Iso é o que terían que facer con todos os desaprehensivos que nos levaron a situación na que estamos, unha boa malleira os irresponsables que xestionaron fatal e marchan para casa multimillonarios, os grandes empresarios que pechan a porta e deixan os traballadores na rúa, pero eles teñen ben asegurado o seu futuro en Suíza ou donde lles pete, os responsables políticos que meteron a man no caixón común, a todos eses que, algunhas veces son condenados por un xuíz pero despois a benignidade extrema do Goberno dálles o indulto e algúns, incluso volven á política ou os negocios, como si nada houbera pasado.
Isto si sería aplicar as ensinanzas recibidas e, ademais, se seguen por este camiño os que xa estamos recheos de santa indignación, que somos a maioría de cidadáns deste pais, si teremos que sacalos das poltronas aínda que sexa a gorrazos.
14.12.2012