José Freire
Constitución e Policía
Fai un anaco que cheguei á casa despois de asistir ao Acto do XXXVI Aniversario da Constitución Española, celebrado na Subdelegación do Goberno en Pontevedra.
Foi un acto emocionante, polo menos para os compañeiros de Vanesa, policía falecida a semana pasada en Vigo, por quen se gardou un minuto de silencio e cuxa entrega e sacrificio puxo de manifesto o Subdelegado.
Namentres transcorría o acto coas loas á Carta Magna, foron pasando pola miña mente aquela ledicia coa que, moitos dos que vestiamos de gris, saudábamos esa norma que abría o camiño á liberdade e a un tempo novo.
Un Estado de dereito onde a liberdade e seguridade son conceptos básicos do seu funcionamento. Viñamos dun Estado absolutista, onde a liberdade, tanto individual como colectiva, incluída a da propia Policía, atopábase anulada.
E seguía pensando como, efectivamente, a Constitución Española proclama que España se constitúe nun Estado Social, Democrático e de Dereito, e establece as bases para unha policía civil, democrática e profesional.
E que no seu artigo 104.1 di que as Forzas e Corpos de Seguridade terán como misión, protexer o libre exercicio dos dereitos e liberdades e garantir a seguridade cidadá.
Máis, como outros moitos daqueles preceptos, tras trinta e seis anos, seguen sendo iso: preceptos.
Estase a debater se é necesario modificala. ÿ posible que haxa que adaptala aos novos tempos e á nova realidade social. Pero coido que outro galo nos cantaría se, simplemente, se cumprira. E iso tócalle aos que eliximos para que poñan os medios para facelo. Máis desgraciadamente, a miúdo, son os primeiros en incumprila.
Saín da miña especie de letargo e de lembranza, cando escoitei as notas do himno nacional, e axiña volveu á miña mente Vanesa e o Subinspector Vicente, que precisamente polo abandono a que someten aos policías e gardas civís, unha perdeu a vida e outro estivo a piques, simplemente por no ter un chaleco anti-bala porque lle sae moi caro á Administración. E namentres, se gastan grandes sumas de euros en divisas e galóns para os traxes dos mandos ou se funden os cartos públicos.
ÿ posible que algún compañeiro non estea de acordo, pero coido que fixo ben o Señor Ministro do Interior en non vir á homenaxe de Vanessa. Preferiu a reunión do seu partido en Barcelona que estar en Vigo. Persoalmente llo agradezo. Para que ía vir se non o sinte.
Os policías estamos cansos de declaracións e odas de apoio, das que moitos se benefician pola alta consideración que do noso traballo teñen os cidadáns. Menos declaracións e máis feitos tanxibles, non máis recoñecemento pero si, polo menos, que se nos dean os instrumentos necesarios e imprescindibles para poder cumprir eficazmente co noso traballo.
Cando eliximos esta profesión fomos conscientes dos riscos que asumiamos. Que, en máis dunha ocasión, nos tiñamos que enfrontar a situacións en que a nosa vida podería correr perigo: terrorismo, crime organizado, delincuencia común... Máis ser funcionario dos Corpos de Seguridade do Estado non pode ser un menosprezo, unha condición que supoña ter que aceptar que a Administración non poña os medios necesarios para que iso non ocorra.
Hoxe mesmo, Día da Constitución, o Sr. Ministro do Interior, fai unhas manifestacións nas que defende que o Goberno está a facer todo o posible para dotar de medios os Corpos de Seguridade do Estado, nunhas circunstancias orzamentarias que non son fáciles.
Señor Fernández: Vostede que se declara un defensor acérrimo da vida, igual que eu, ¿non valería a pena un esforzo orzamentario e que Vanesa aínda estivera entre nós?. Están a tempo de evitar a morte de máis servidores públicos.
A veces danos a sensación que, por enriba, tivéramos que pedir perdón por servir aos cidadáns.
¡Que o sacrificio de Vanesa non sexa en balde!