Andaríns do Val do Lérez
Anuros (anfibios sen cola) que atoparemos preto de Pontevedra
A nosa principal intención con esta información é que se coñezan estas especies que conviven moi preto de nós, intentando desmontar os mitos e a mala fama que os perseguen. Somos conscientes que o que non se coñece, non se valora, e aínda peor nos máis dos casos menosprézase.
A información que compartimos é froito da colaboración que temos dende "Andaríns do Val do Lérez" con distintas asociacións na procura de especies que temos en Galicia, para poder facer os distintos censos e mapas de especies de flora, cogomelos e fauna galega observando costumes, hábitats, curiosidades, ameazas, nas numerosas saídas de campo e andainas, aprendendo do seu comportamento no medio natural para entender mellor a natureza da que formamos parte.
Complementamos estas informacións coas publicacións e contactos cos especialistas na materia na que colaboramos, tratando de ofrecer os datos do xeito máis correcto posible, sen deixar apenas rastro do noso paso polos diferentes lugares de estudio. Incidimos na importancia, coidado e respecto que debemos ter coas diferentes especies que aquí habitan, xa que de por si teñen gran número de depredadores, e enfermidades. Ultimamente están a aparecer outras enfermidades novas como o "rana virus" da que polo momento non hai moita información. Os especialistas din que non se deben manipular especies nos sitios onde se detectou dito virus, como no Pontillón do Castro, para non seguir espallando esta enfermidade vírica.
Nestas saídas aprendemos a importancia destes animais, o interesante que pode ser observar os seus comportamentos. Por exemplo no tempo de verán vimos un sapo común que adoitaba ir ao mesmo punto tódalas tarde-noites, por que nese lugar había un sendeiro feito por formigas que ían e viñan do formigueiro na procura de alimento e o sapo aproveitaba esa situación para alimentarse sen esforzo ningún xa que as formigas lle pasaban seguido diante del.
Nos datos que recompilamos de especies de anfibios cerca de Pontevedra, e comparando con distintas guías de anfibios de Galicia, botamos en falta tres especies: "a ra vermella, o sapo de esporóns e o sapiño comadrón". Isto non quere dicir que non os haxa, simplemente que nós non os atopamos, e polo tanto tampouco os incluímos. O que si podemos dicir é que son escasos. Para saír de dúbidas vos recomendamos algunha das boas guías que hai publicadas sobre os anfibios de Galicia.
Dende aquí pedimos respecto para todo o que nos aporta a natureza en xeral, e vos animamos a observar estas especies de seres vivos, que non son nin boas nin malas. Pero todas elas son necesarias para o equilibrio dos ecosistemas.
Traballo feito por Juan Ramón e Amancio Castro membros da Asociación Andaríns do Val do Lérez.