Teresa Casal
Galeguismo
O meu admirado amigo e compañeiro neste diario dixital que nos ten ó dia os pontevedreses do que pasa caseque o minuto, Rodrigo Cota, di que non sabe qué é iso do galeguismo, non son eu quen nin de lonxe de facer un sisudo estudo sobre elo e menos aínda de escribilo.
Eu cando falo de galeguismo falo de sentimentos, non de teorías políticas ou sociais e moito menos económicas, aínda que de todo hai ou pode haber dentro dese conceto. Falo da íntima relación dunha persoa coa súa terra, co berce onde naceu ou o recuncho onde transcorre a súa vida.
Penso no agarimo por un paisaxe, por uns costumes, por unha gastronomía, por unhas xentes nobres e retorcidas ó tempo, desconfiadas e xenerosas, traballadoras e algo nugallás as veces. E, sobre todo no orgullo por unha lingua que estou moi lonxe de dominar, pero na que adoito falar, ler, tento escribir e me engaiola escoitar, unha lingua doce para cantar e para namorar, mais tamén rotunda cando expresa o coraxe, a indignación ou a rabia.
Descubrín o galego cando de pequena, pasaba os veráns na aldea da que xa falei unhas cantas veces, Vilela. Meus primos e primas falábana entre eles e cos veciños pero a nos dirixíanse en español porque viñamos da capital. A min non me gustaba aquilo e, desde sempre tentaba en falar como eles. Lembro que unha vez miña prima Dorita rifaba co seu fillo, un cativo algo mais pequeno que eu, por falar en galego e lembráballe o que lle mandaban na escola, que era xusto o contrario: falar en español. Eu reñínlle a miña prima e díxenlle que deixara falar o neno no que sabía que así aprendería mellor o outro. Non sei porque llo dixen, quizais porque o que eu quería era aprender a falar como él. Na miña casa, en Pontevedra só se falaba na lingua do imperio e o único que utilizaba a cotío o galego era meu pai, no seu traballo na tenda de ultramarinos ou cando rifaba con nos. Costume que eu herdei porque, aínda que normalmente sempre usaba o español cando, xa casada cun madrileño, enfadábame, saía a relucir aquel galego de Lugo que aprendera na miña aldea.
Moito antes de iso, quen me agasallaba con libros escritos en galego foi un primo da miña nai que traballaba en Pontevedra e que foi o primeiro que lle escoitei dicir que era galeguista. Facían él e un pequeno grupo de amigos teatro leido tamén na nosa lingua e eu participaba encantada cando un horario terrible de colexio (de luns a sábado, das oito e media da mañá as oito e media da noite) mo permitía.
Mais tarde, vivín en Murcia e alí penso que foi onde entre a morriña e as soidades, espertouse en min ese sentimento galeguista que é como o amor os pais ou os fillos e que xa non me abandoaría nunca.
Por iso digo, amigo Cota, que o galeguismo ou se sinte ou non. Podes ser de esquerdas o de dereitas, de arriba ou de abaixo, europeísta ou mundialista pero si por riba de todo pos a defensa da túa terra, si, como dixo Bóveda ante a parodia de tribunal que o condenou a morte, a amas por riba de todo e estás disposto a calquera sacrificio por ela, entón es galeguista e pelexas polo seu territorio, pola súa lingua e polas súas xentes que, si non se me esqueceu de todo o que estudei na carreira, son os elementos que conforman unha nación.
11.01.2013