Ramiro Espiño
Que non decida unha puñada
Négome a falar de violencia, aínda que o sexa. Négome a cualificar de ningunha maneira os actos dun rapaz que bastante ten cos seus problemas. E négome a que algúns tenten sacar rédito político a un desagradable incidente que non debería marcar de ningún modo o desenvolvemento da campaña electoral, nin moito menos condicionar o voto dos electores españois.
Cando Mariano Rajoy incluíu entre os actos da súa campaña un paseo polas rúas da súa cidade, baixo ningún concepto imaxinaríase que alí, aos pés da Peregrina, por onde tantas veces pasou e sen ningún tipo de escolta (nin maldita falta que lle fixo) ía sufrir unha agresión irracional e absolutamente inxustificable (ningunha agresión éo).
O que sinto é que Pontevedra saltase ás páxinas da prensa mundial, ás televisións nacionais e internacionais por un suceso sen precedentes na historia moderna do noso país e de case ningún outro do chamado mundo civilizado.
Mariano Rajoy fixo o que tantas veces fixo. A diferenza é que o facía como presidente do Goberno e candidato do Partido Popular á reelección. A outra diferenza é que no seu camiño esta vez, desgraciadamente, cruzouse un mozo con severos problemas de adaptación, posiblemente envalentonado por un reducido grupiño de descerebrados, que se cren que o mundo se pode cambiar a golpes.
Por iso, en lugar de iniciar unha caza de bruxas absurda, en lugar de buscar tres pés ao gato, en lugar de profundar na profunda ferida dunha familia respectada na cidade, o mellor que podemos facer, desde a máis enérxica repulsa a este ou calquera outro acto similar, é deixar que a campaña electoral finalice con normalidade e acudir o domingo ás urnas para exercitar o noso dereito democrático ao voto, facéndoo en conciencia, de acordo co que cada un pense ou crea entre as opcións políticas que concorren a estas eleccións, sen deixarse levar nin influenciar na intención de voto por un feito triste, pero illado. O contrario sería tanto como recoñecer que o próximo presidente do Goberno decidiuno unha puñada.