Antón Roel Villanueva
O fento xigante do río dos Gafos
A miña nai e outras veciñas do río dos Gafos tiñan que madrugar moito cando neste tempo de inverno ían lavar ao río para poder coller sitio no lavadoiro que houbo debaixo da Ponte Boleira para estar ao acubillo en caso de chuvia, tiñan tamén o lavadoiro cuberto do Peilán pero era máis lonxe e de pago e daquelas moitas familias non podían, nós de cativos xogabamos ao carón do lavadoiro e nas ourelas do río e cando chegaba un camión íamos correndo xunto as nosas nais, pois daquela a rúa era de adoquíns e ao pasar resoaba e parecía que viña a ponte enriba nosa.
Ao carón do río nese lugar tamén houbo un muíño onde os veciños ían á moenda e tamén era espazo de xuntanza de veciños da contorna cas muiñadas e no tempo de lecer, nós xogando íamos dun lugar a outro por unha pasarela de pedras sempre vixiados por nosas nais. Agora no outono das nosas vidas cando pasamos por ese espazo cando xa non están moitas das veciñas e veciños que viñan ao muíño e ao lavadoiro lembrá monos do traballiño daquelas xentes nun tempo que ninguén tiña lavadora e as mulleriñas tiñan que cargar cubos e tinas de zin ca roupa para a casa, sobor de todo neste tempo de invernia en que non secaba e o peso era maior pois co bo tempo puñan as sabas a clarexar cas raiolas do sol e as veigas semellaban nevaradas, a roupa pesaba menos e o traballo era máis sinxelo.
Agora nese recuncho onde nun tempo se atopaba o lavadoiro e o muíño no que aínda se poden ver os restos das canles de pedra que devolvía a auga ao río é cando nos decatamos do aldraxe que fixeron ao construír un edificio de cinco andares enriba do muíño e do río polo menos tiveran a decencia de non deixar restos para que os veciños que o coñeceron e pasean por ese espazo non sintan pena e noxo do que fixeron cando roubáronlle ao río un espazo de todos a escusa era o progreso o mesmo que dixeron cando taparon o tramo do río ao seu paso pola zona urbana.
Nese recuncho cheo de nostalxias como unha milagre agromou ventureiro un fento xigante, un agasallo que nos fai a natureza de cando en vez. Sería bo en recordo e sinxelo homenaxe dos veciños e veciñas que viñan ao muíño é lavadoiro ao pór unha placa a carón do fento, pois as veces os mellores monumentos son os que nos ofrece a natureza aínda que nos non llo sepamos agradecer e a cada intre emporquemos o río, agardamos que o fento teña mellor vida e trato que o muíño e o lavadoiro, memoria e nostalxia doutro tempo no que os nosos devanceiros tiñan en máis estima ao río da que temos nós.
Apoiado na baranda de madeira do paseo co marmurio do río no seu paseniño debalar camiño da escuridade ao seu paso por Campolongo ca beleza dos narcisos en flor co recendo a mentrasto e fiuncho contanme a última lenda do Gafos que di que o fento medra vizoso porque o rega unha meiga que frecuentaba o muíño e polas bágoas que verten os veciños e veciñas ao lembrar como era o muíño na súa infancia e xuventude cando estaba en todo o seu esplendor. Asiña como todos os anos chegara o cuco para alonxar a tristura da invernia traendo a primavera no pico.