Marga Díaz
Galicia: a arte da pedra e da auga
Din que en Galicia a choiva é arte, e non faltan razóns. Choiva e auga, pedra e bosques… elementos imprescindibles do noso patrimonio natural: fragas únicas no mundo, fervenzas que se deixan morrer no mar, ou ríos que debuxan canóns infinitos horadando a terra. Pero a natureza non é a única que deixa na terra a súa pegada maxistral. En Galicia a pedra e a auga tamén falan de culturas e tradicións ancestrais: nos petroglifos quedou plasmada en Galicia máis que en ningures a arte máis antiga do mundo, nos horreos e nos muíños que antonte quitaban a fame ficou a máis tradicional arte rural, nas románicas capelas e fortificadas catedrais a máis grandiosa arte relixiosa, e nos señoriais Pazos o máis refinado gusto da arte en pedra galega.
O Pazo é o emblema da construcción civil galega. O protagonismo dos Pazos é indiscutible pero tamén indisociable da maxia e o encanto que aportan os xardíns que os rodean: árbores autóctonas que se combinan coas máis exóticas especies, fontes artísticas e monumentais estanques, buxos e setos traballados en laberínticos espazos e un manto de cores no que prevalece a raíña indiscutible das flores galegas: a camelia. Importada de Xapón e convertida xa en buque insignia dos nosos xardíns, hoxe a camelia é a representante dunha arte sustentable que aproveita os recursos sin esgotalos: a terra, o noso clima e a propia auga.
A nosa terra é unha potencia mundial no cultivo desta beleza que conta con centos de variedades, e trata de poñela en valor a través de diversas iniciativas, entre elas a chamada “Ruta da Camelia” un interesante itinerario polos máis fermosos pazos de A coruña e Pontevedra, as dúas provincias onde esta flor se atopa máis representada.
O Pazo de Oca en Pontevedra é un dos mellores expoñentes desta ruta. Hai quen da en chamarlle "O Versalles Galego", facendo uso dese dudoso costume de poñer en valor o propio a imitación do alleo. Mais o mesmo que Aveiro non é a Venecia Portuguesa e nin por asomo se lle parece, o noso Pazo de Oca non é Versalles, pero a el nin falta que lle fai. Oca non é tan grandioso, nin resulta pretencioso con tanto luxo e tan profusamente decorado. É pola contra sereno, coa pedra coma protagonista indiscutible, plasmando un barroco máis entrañable, quizais máis sutil, en definitiva un barroco galego. Os seus xardíns en parte de estilo Versallesco, son inda que extensos moito máis recoletos e fáciles de pasexar, en fin máis disfrutables. Carballos, castiñeiros, nogueiras e como non camelios, poñen a nota distintiva neste luxo de xardín que inda que feito a semellanza dos franceses leva a pegada do noso. As artísticas fontes en granito, o estanque coa escultural illa en pedra e os muros almenados dan o toque monumental característico dos Pazos galegos.
A súa igrexa tamén barroca xa nos recibe na entrada nun lateral da maxestuosa fachada do pazo e comunicada por unha corredoira con el. Os interiores do Pazo fai moi poco tempo abertos ó público, prometen unha máis que interesante visita. E do lado do gran edificio principal, un pequeno pero surtido museo do viño axuda a entender a cultura do agro no noso país. O Pazo de Oca é pois un luxo visitable moi próximo que non nos podemos permitir perder.
Outro dos emblemas galegos que atopamos na Pontevedresa Ruta da Camelia é o Pazo Quiñones de León en Vigo. Transformado hoxe no Museo Municipal, conserva o legado do mecenas Policarpo Sanz representativo de diversas escolas europeas, e acolle unha destacable colección de arte galego: Laxeiro, Colmeiro ou Díaz Pardo son algúns dos nomes que figuran entre outros moitos representantes de diferentes movementos artísticos galegos.
Por outra banda o interior do Pazo é tamén recomendable pola súa fermosa decoración e por acoller unha importante mostra de arqueoloxía da comarca, dende a prehistoria pasando pola cultura castrexa ata os vestixios do Imperio Romano en Galicia.
Pero se falamos de xardíns e de camelias, o Pazo non se queda atrás en representar coma ninguén a súa ruta.
Ostentando a categoría de "xardín histórico" destaca por diferenciadas áreas en estilos inglés e francés inda que unha vez máis sin esquecer a pegada propia do noso. As especies exóticas forman parte da vexetación pero están ben integradas na paisaxe, a fermosa rosaleda concede un aire decadente e os xeométricos setos debuxan coidados laberintos na parte afrancesada dos xardíns. A combinación coa pedra, elemento omnipresente dos xardíns, transmite a serenidade da nosa arquitectura: o camiño flanqueado de escudos ou as fontes logran non perder de vista a nosa identidade neste fermoso representante da arquitectura galega.
E si de Pazos e camelias falamos, no podemos esquecer un dos máis fermosos e representativos de Pontevedra: o Pazo de Montero Ríos, coa súa fachada presidida por unha maxestuosa balaustrada rematada por varias estatuas de pedra, aportando un aire romántico á edificación de corte modernista. No interior que promete ser de gran interés predomina o espazo acristalado. Mágoa que non sexa visitable e que ó parecer moitas das súas xoias foron expoliadas. Aínda así a visita ó inmenso parque que o rodea supón unha compensación máis que suficiente:
Nos arredores do Pazo atopamos varios elementos de interés coma o cenador cunha enorme mesa feita nunha peza única de pedra, o muiño, o invernadoiro ou o carreiro cuberto de follaxe que nos acerca a un estanque feito en pedra que valería de piscina. Tamén sorprenden as fontes da cuncha e a dos tres canos e a casi esotérica gruta dos espellos, pois no Parque está presente algún elemento desta temática cun aire similar ós de outros xardíns que parecen reflectir o interés dos seus propietarios pola masonería, (un dos maiores exponentes atopámolo no fermoso xardín da Quinta da Regaleira en Portugal no que abundan as grutas, fontes e escaleiras un tanto peculiares). Os xardíns de Lourizán son por outra banda unha sorte de verxel con especies de todo tipo: magnolios, cedros, castiñeiros, bidueiros e, como non, camelios.
O acceso ós xardíns son de balde e a visita debe facerse con tranquilidade, e incluso nestas datas case podemos deixar caer a noite para baixar paseniño polo camino custodiado de camelios traspasados polo luar.
En definitiva a visita ós tres Pazos Pontevedreses pode ser unha máis que recomendable opción para comenzar a nosa viaxe pola Ruta da Camelia en Galicia.