Teresa Casal
Pasen e vexan
E admírense coa muller barbada, o anano mais pequeno, o home mais alto, o monstruo de dúas cabezas Así anunciaban os espectáculos circenses, cando circo era máis sinónimo de extravagante e raro que do máis difícil aínda. E así habería que anunciar o espectáculo que nos están a dar súas señorías, os altos dignatarios deste pais, na súas actuacións no Congreso, nas roldas de prensa ou en calquera das súas actividades ante o público. Axudados, iso si, por carísimos extras que dan forma e contribúen dun xeito importante a montar a parafernalia de espectáculo esperpéntico que os sinxelos habitantes deste pais estamos condeados a contemplar.
Por unha banda temos o Ministro Montoro, esa especie de debuxo animado que inspira mais terror que tenrura, empeñado en ameazar a todo o mundo, desde a prensa, os actores ata os deputados que, según él, non pagan os seus impostos. Sr. Ministro por favor, exerza vostede de tal, senón pagan, persígaos fiscalmente, denunceos, e fágalles pagar como calquera humilde fillo de veciño, pero déixese de amagar e votar escoria indiscriminadamente sobre a xente.
Por outra, a inefable Sra. Cospedal "a ben pagá", como lle chaman algúns polas espléndidas retribucións que acumula, sen poñerse nin sequera colorada. Non sei se estaba vendo un partido de fútbol "en diferido" e perdía seu equipo, ou ben ela mesma estaba sendo retransmitida en diferido e por iso se montou a lea que todos vimos, escoitamos e non entendemos nada. Ou quizais, estaba simulando que era ela, pero non era tal, senón un holograma de si mesma que andaba polo mundo exterior e falaba nuhas claves que só ela e os do mundo exterior, entendían.
E o mellor do espectáculo, o extra de luxo Bárcenas o que se ri da crise porque a el páganlle 21.300 euros o mes, non sabemos si por falar, por calar ou ben por que él é o mais chulo do reino e "o vale". O penúltmo acto desta parodia cruel para os que non teñen nada porque perdérono todo por culpa de estes mesmo señores e señoras, é que o que o cabaleiro con pinta de bandolero da época de Curro Jimenez, se apunta ó paro e, polo visto, vamos ter que pagarlle entre todos os españolitos, súa prestación por desemprego, a un sinvergonza que declara ter ou haber tido en contas opacas máis de 38 millóns de euros. E, non só iso, senón que, tamén entre todos lle aboaremos a millonaria indemnización por despido. Si, pagarallo o PP, pero es que o 95% dos ingresos do partido político se nutre de diñeiro público, polo tanto diñeiro de todos nós.
A pista deste circo ten moitos máis protagonistas e figurantes, e non podo deixar de nomear a estrela máis fulgurante, a princesa Corinna que, con toda a desenvoltura do mundo di que traballou, sen cobrar, para o goberno de España en "asuntos confidenciales". Os tops secrets do goberno no "Hola". Pódese pedir máis?
Penso que abonda con esta mostra para chegar a conclusión de que es inaguantable, que non se pode soportar mais, que se está a perverter a democracia coa falacia de que a maioría absoluta lexitima para todo, para mentir, para enganar, para asfixiar, para enriquecer a uns e mandar o inferno os demais. Non, négome a seguir aguantando tanta merda perfumada con Chanel nº 5.
Os partidos políticos asinan un compromiso cos cidadáns mediante o seu programa electoral e si este se incumpre dun xeito tan evidente, clamoroso e, mesmo admitido polo propio Presidente do Goberno, non lexítima para seguir gobernando, unha vez recoñecido que non é quen de levalo adiante, o que ten que facer este señor é dimitir e convocar novas eleccións.
01.03.13