Marta Rodríguez Engroba
Ti maltratas, eu visibilizo... quen é culpable?
Hai un par de días, no transcurso dunha conversa, alguén díxome, nun claro tono reprobatorio, que debería ter máis cuidado co que escribo, porque, cando falo de violencia de xénero, e máis concretamente, daqueles que presuntamente a exercen, algún deles podería darse por aludido, e que, de feito, así é,polo que eu tería unha gran parte de responsabilidade se o seu comportamento se facía ainda máis violento véndose reflectidos.
Non negarei que, de entrada, este comentario me molestou. O xustiño, iso si, porque eu subscribo totalmente iso de que as cousas hai que tomalas de quen veñen, e a min preocúpanme e respecto as opinións de quen ten un peso moral e unha evidente coherencia. O resto... ten que haber de todo!.
O que si me preocupou é o trasfondo que isto encerra, e que, estou firmemente convencida, é unha das explicacións de que a violencia machista non soamente non remita, senón de que medre de día en día.
Certamente, eu escribo sobre violencia de xénero, algo lóxico dado o meu traballo activo neste eido, e sobre os maltratadores. Obviamente, non me refiro a ningún en concreto, e admito que calquera deles se poida sentir identificado, xa que as pautas da súa barbarie son comúns a todos e cada un deles, pero o que é, na miña opinión, tremendamente grave, e que, a día de hoxe se siga culpabilizando, non soamente as vítimas desta tremenda lacra, porque non esquezamos que aínda segue moi presente iso de "algo faría", senón tamén a quen fala do tema, o fai visible, e tenta colaborar, deste xeito, a concienciar a unha sociedade que aínda segue instalada na indiferencia máis letal, de que a loita contra a violencia de xénero é cousa de todos, de que, cada vez que unha muller ou un neno son asasinados por un maltratador, todos somos responsables.
Como se pode, nin por un só momento, crer que a violencia de xénero pode ser erradicada mentres exista unha soa persoa que teña estes pensamentos?.
É sinxelamente tremendo que a única solución que se nos ocorra para, supostamente, loitar contra esta atroz lacra sexa tentar non alterar o verdugo, mantelo adormecido, porque se alguén ousa chamarlle ás cousas polo seu nome, se alguén fala de maltrato abertamente, está a provocalo.
Sinto unha mágoa inmensa vendo como, por moito que tentemos traballar, facer ver a realidade sobre a violencia de xénero, seguimos igual, ou pode que peor, que hai anos e non nos decatamos ou non queremos decatarnos de que o único culpable dos seus aberrantes actos é o propio maltratador.
Ninguén lle obriga a facer dano. Non hai xustificación algunha para a humillación, as vexacións, que exerce cada día, que son o seu xeito natural de tratar a quen dí querer, pero a quen non dubida en maltratar unha e outra vez, e mesmo en matar.
Para moitos, estas afirmacións non son senón un xeito de lavar a súa conciencia, se é que son quen de atopala, porque se a teñen, algo que dubido, é evidente que está ben agochada.
O peor é que moitas mulleres que pasaron ou están a pasar polo inferno da violencia de xénero están cegamente convencidas disto, e xustifican o seu agresor, culpando a quen trata de facer que vexa a realidade e a quen a fai evidente, o cal fai moi complicado que poida saír desa espiral perversa na que están atrapadas.
Ainda así, non perdo a esperanza de que chegue o día no que todos teñamos, por fin, perfectamente claro, que o verdadeiro, o único culpable é quen maltrata, non quen o visibiliza, e para iso seguiremos, seguirei, loitando con máis forza cada día, e chamándolle as cousas polo seu nome, tamén a violencia de xénero e a quen a exerce.
Asociación Si, hai saída