Teresa Casal
Lembranzas: solidariedade versus caridade
Hai uns cantos anos cando este pais vivía baixo o paraugas protector e paternalista de aquel que se facía chamar a si mesmo caudillo pola graza de Deus, as persoas vivían e traballaban pensando sempre en aforrar o pouquiño que podían para un caso de enfermidade, para pagar os estudios dos fillos, para subsistir na vellez. E unha gran parte da poboación que non lles chegaba, ou non tiña traballo, resignábase a recibir caridade e beneficencia.
Non hai máis que lembrar a fantástica película Plácido de ese gran cineasta que tantas cousas soubo dicir cando non se podía dicir case nada, Berlanga, ironizando sobre aquel triste slogan "Polo Nadal, poña un pobre na súa mesa". E non é preciso recorrer á fantasía do cine, na vida cotián vivimos exemplos todos os días. Lémbrome que no colexio de monxas onde me levaron meus pais, (coa mellor intención, claro) había un día no que as nenas vestidas co uniforme de gala, visitabamos a outras nenas, non tan afortunadas, levándolles arroz, fariña, azucre, ou aquilo que a cada unha nos daban na casa para ese fin. Eu recordo a vergonza que me daba facer aquilo, a sensación terrible de estar a humillar a aquelas familias polo mero feito de ter menos que nos. Tamén estaba o Hospital Provincial e o Asilo "para anciáns desamparados", todos eles presididos polos principios de beneficencia e caridade.
España firma no ano 1977 o Pacto Internacional de derechos económicos, sociales y culturales e na Costitución de 1978 se lles da carta de natureza os dereitos sociais nos artigos 1, 10 e 41.
Se chegaba así a outra concepción os españois teñen dereito a educación, a sanidade, a xubilación, a unha vivenda digna, a ter traballo non por unha cuestión de benignidade ou caridade, nin sequera por filantropía, senón por DEREITO PROPIO. O desenvolvemento deste principios leváronos, con máis impulso dende os gobernos socialistas (é de xustiza recoñecelo) a considerar que España entraba no estado de benestar, tiñamos ensinanza, sanidade gratuítas e universais. Os traballadores se xubilaban os 65 anos e podían disfrutar aínda moitos anos dunha vellez saudable, os avances na protección da dependencia axudaban a moitas familias a sobrelevar mellor situacións tremendamente difíciles, pero nesto, chegou a crise E MANDOU A PARAR.
O problema está aí, dinnos que vivimos por riba das nosas posiblidades e agora temos que pagar as consecuencias, pero eu sigo a preguntarme si alguén dos que nos din isto, paráronse a pensar quen viviu por riba das súas posiblidades: as familias que aspiraron a ter unha vivenda digna?, os traballadores que tentaron facer un futuro mellor para os seus fillos?, os funcionarios que prepararon unha oposición e aprobaron dentro dun sistema non feito por eles?, os emigrantes que tentaron en España saír da miseria?, as persoas maiores que traballaron toda a súa vida pensando en ter unha vellez tranquila e sen agobios? Porque sobre todos estes está a recaer a crise con toda a súa dureza, namentres os outros, eses que todos sabemos, seguen a incrementar as súa fortunas, cavando unha fenda cada día máis grande entre uns e outros.
O Goberno do Estado e os de moitas Comunidades Autónomas están a dar un xiro de 180 graos, os cidadáns están a perder os seus DEREITOS e quérennos levar de volta o sistema de caridade e beneficencia. A punta do iceberg está, polo de agora, na intención do Ministerio de Sanidade de "pasarlle" as ONG a atención dos inmigrantes sen papeis. Acabouse a sanidade gratuíta e universal, os "legais" temos que "repagar" pola asistencia médica e os medicamentos e os "ilegais", directamente a depender da caridade das ONG. Entidades que respeto profundamente e desenvolven un importante papel en todo o mundo pero o cidadán ten dereito a ser atendido non a suplicar que o atendan, ten dereito recoñecido polas leis españolas e non se pode, dun plumazo, outorgarlles a categoría de mendicantes.
Teremos que ser todos nos, cidadáns deste pais os que dunha vez por todas, MANDEMOS A PARAR.